Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Barreiros esixe ao goberno local que solucione os problemas do bar do centro social para poder sacalo de novo a licitación

José Manuel Gómez sinala que “un goberno responsable” se tería posto a traballar dende o día seguinte ao peche do bar para solucionar os problemas existentes e volver a abrilo para “non ter instalacións pechadas, sen uso e deteriorándose”

Barreiros, 6 de febreiro de 2025. Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Barreiros afirman que “sete meses son un tempo máis que prudencial” para poder solucionar os problemas que presenta o bar do centro social que pechou en xuño do ano pasado e que non se volveu a sacar a licitación.

O voceiro municipal do PP, José Manuel Gómez Puente, explica que dende que a persoa que tiña anteriormente a concesión deixou a actividade non se volveu a abrir e, neste tempo, a alcaldesa “non fixo o seu traballo nin amosou interese por solucionar os problemas de humidades nin outras deficiencias que presenta esta instalación municipal”.

José Manuel Gómez Puente non entende como o Concello de Barreiros mantén pechada esta instalación sobre todo “porque era un lugar de xuntanza para os veciños e para facer moita vida social”.

Por iso insta á alcaldesa a poñerse de inmediato a solucionar os problemas de humidades e o resto de deficiencias para que poida volver a abrir as súas portas o máis axiña posible.

Exit mobile version