Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP asegura que “Vilalba Aberta recoñece a falta de mantemento nas infraestruturas municipais durante os últimos anos”

O Partido Popular aposta por “manter o patrimonio do Concello” e “priorizar as actuacións necesarias en lugar de investir en grandes obras faraónicas que, aínda por riba, saen mal”

Vilalba, 4 de febreiro de 2025. O PP de Vilalba advirte que “unha parte do goberno local, Vilalba Aberta, recoñece a falta de mantemento en infraestruturas que son titularidade do Concello” nun intento por “pasar as culpas a outros” que vén a “evidenciar as diferenzas entre ambas partes do goberno bipartito que conforman co PSOE”.

Os concelleiros do Partido Popular inciden en que, ante o mal estado do campo de fútbol da Madalena, o auditorio municipal ou o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV), “o mantemento nos últimos anos das infraestruturas de titularidade municipal por parte do goberno local foi nulo”.

“A falta de preocupación do goberno local polo mantemento e conservación das infraestruturas que son titularidade do Concello, e que ata agora se mantiñan en boas condicións para garantir a seguridade dos usuarios, evidénciase na partida orzamentaria dirixida a esa finalidade e que se reduce ano tras ano”, indican.

Dende o PP local agardan que “o goberno local tome decisións e adopte medidas para mellorar o estado do campo de fútbol e do auditorio -dúas infraestruturas moi empregadas por clubs e asociacións- e que non faga igual que co MUPAV, que o deixou desaparecer sen facer nada”.

Os populares xa teñen advertido en numerosas ocasións da necesidade de levar a cabo tarefas de conservación e mantemento para manter en boas condicións as infraestruturas municipais. De feito, sinalan que “o noso Concello dispón de infraestruturas importantes que colocaban a Vilalba como referente no ámbito deportivo e cultural; e non só na comarca da Terra Chá da que é capital, senón incluso da provincia”.

O Partido Popular aposta por “manter o patrimonio do Concello”, que é de tódolos vilalbeses, e “priorizar as actuacións necesarias” para garantir o correcto funcionamento do que xa está en marcha “en lugar de investir en grandes obras faraónicas que substitúan o que xa había e que, aínda por riba, saen mal”.

REPARACIÓNS NA RÚA DA PRAVIA ANO E MEDIO DESPOIS DE GASTAR 1,2M€

Os populares poñen como exemplo da “mala xestión do goberno local” a obra de renovación da rúa da Pravia: “tan só ano e medio despois da obra na que se gastaron 1,2M€ xa hai que arranxar as fochancas. Un proxecto desa magnitude non debería estar nesa situación”.

“A falta de mantemento da que fala o edil de Urbanismo tamén se aprecia nas obras novas que non son capaces de mantelas nun período breve de tempo”, conclúen.

Exit mobile version