Katy Varela, Francisco Conde e Jaime de Olano afirman que “este repentino cambio de criterio é arbitrario, e excede e retorce o cumprimento do criterio xurisprudencial do Tribunal Supremo”
Lugo, 18 de febreiro de 2025. O Grupo Popular vén de rexistrar, tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso, unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno central que proceda á devolución íntegra e sen aprazamentos das contías solicitadas polos contribuíntes polas súas achegas á Mutualidade Laboral da Banca desde o ano 1967, de xeito que non se xeren diferenzas entre aqueles que xa viron regularizada a súa situación na declaración do IRPF de 2023 e os que se verán afectados pola entrada en vigor da disposición derradeira décimo sexta da Lei 7/2024 que prevé facer as devolucións exercicio por exercicio a partir de 2025.
A deputada autonómica Katy Varela, xunto aos deputados nacionais Francisco Conde e Jaime de Olano, lembran que a sentenza da sala do contencioso do Tribunal Supremo do 28 de febreiro de 2023 “veu sentar criterio xurisprudencial sobre a efectiva aplicación da disposición transitoria segunda da Lei 35/2006 respecto das achegas realizadas a mutualidades laborais desde o 1 de xaneiro de 1967 á pensión pública por xubilación percibida da Seguridade Social, precisando que se debe integrar na base impoñible do imposto o 75 por cento das prestacións por xubilación ou invalidez percibidas”.
CAMBIO DE CRITERIO
“Deste xeito, os que teñan redución calculada só por período cotizado ata 1967 deberían reclamar á Axencia Estatal de Administración Tributaria a rectificación das súas declaracións dos últimos catro exercicios non prescritos aínda, correspondentes aos anos 2019, 2020, 2021 e 2022”, concretan.
Katy Varela indica que, “nun primeiro momento, a AEAT procedeu a regularizar as declaracións de IRPF en moitos casos de forma completa na declaración do exercicio de 2023, pero posteriormente decidiu que as contías que se van aplicar nas declaracións da renda deben facerse exercicio a exercicio conforme a seguinte pauta: as de 2019 e anteriores no 2025, a de 2020 na declaración de 2026 e así sucesivamente”.
“Este repentino cambio de criterio é arbitrario, excede e retorce o cumprimento do criterio xurisprudencial do Tribunal Supremo, e pugna abertamente cos dereitos dos contribuíntes que non teñen máis culpa que ter aplicado ben o dereito cando a interpretación da AEAT era de todo incorrecta”, explica a deputada popular.
Esta decisión foi consolidada recentemente a través dunha emenda que o Grupo Socialista introduciu na Lei 7/2024 relativa á tramitación que debe seguir a AEAT e ás correspondentes devolucións derivadas da sentenza do Tribunal Supremo respecto das aportacións realizadas ás mutualidades laborais polas que non se puideron aplicar redución ou minoración da base impoñible do imposto sobre a renda.