O concelleiro de Xuventude, Mario Pillado, sinalou que a xuntanza “contou cunha importante asistencia, consolidando o crecemento do grupo en cantidade e diversidade”.
Aproveitando as datas das celebracións do Día do Solteiro e do Día dos Namorados, os participantes reflexionaron sobre o amor e as relacións en todas as súa formas. Neste contexto, comezaron a planificar unha actividade especial sobre esta temática.
Doutra banda, a crecente afluencia de mozos e mozas á aula de xogos da Casa da Xuventude, especialmente para a práctica do Ping Pong e o UNO, levou ao grupo a avanzar na organización de campionatos ou ligas destes xogos, fomentando as relacións interpersoais e a dinamización do espazo xuvenil.
Ademais, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Radio, os integrantes do GPA manifestaron o seu interese por potenciar actividades relacionadas co mundo da comunicación. Entre as propostas, destaca a posibilidade de realizar unha entrevista radiofónica para dar visibilidade ao seu labor e chegar a un público máis amplo.
Pillado subliña o valor do crecemento e da implicación da mocidade no GPA, resaltando que “é un pracer ver como se achegan novos integrantes ó grupo, que fai que este medre tanto en cantidade como en diversidade, pero sobre todo como desfrutan e aportan ideas e propostas; así como comprobar o aumento da afluencia de rapazada á Casa de Xuventude a diario”.