Os rapaces e rapazas poderán obter información sobre diferentes axudas, como o Bono Emancípate, dispoñible a partir deste xoves 6 de febreiro
Entre as cuestións nas que a OMIX ofrece a súa axuda están o acceso a estudos oficiais, convalidacións, probas de idiomas, traslados de expediente, homologación de estudos estranxeiros, inscrición nas probas libres de diversos niveis educativos ou obtención de certificados de profesionalidade e competencias clave.
“Como Cidade Amiga da Infancia, Viveiro ten o obxectivo de seguir traballando para facer do municipio un lugar máis respectuoso para a infancia e mocidade”, sinala a alcaldesa María Loureiro.
“Convidamos a toda a rapazada a coñecer a actividade da OMIX e da área de Xuventude visitándonos ou a través das redes sociais de @xuventudeviveiro”, engade a rexedora.
No referente ás bolsas de estudo, os servizos máis demandados son a tramitación de solicitude de bolsa MEC para os distintos niveis educativos, especialmente para nenos e nenas con necesidades educativas especiais.
Tamén destacan a obtención de axudas das distintas universidades, da administración autonómica ou doutras entidades, así como a tramitación das axudas de material escolar e libros de texto para ensino obrigatorio ou das bolsas de mobilidade Erasmus.
A OMIX tamén informa sobre as distintas convocatorias destinadas á mocidade como o bono cultural xove, as axudas para o carné de conducir, a inscrición en garantía xuvenil, a formación para o emprego ou as convocatorias de emprego público.
Ademais, proporciónase apoio técnico para a realización de trámites que requiren identificación dixital, como as solicitudes de clave pin, certificado dixital ou chave 365. O servizo da OMIX é diario e tanto presencial como telemático.
Dende o Concello lémbrase así mesmo que a mocidade do municipio pode solicitar información e axuda co trámite do Bono Emancípate, dispoñible a partir do 6 de febreiro.
Esta nova liña de axudas está dirixada a menores de 36 anos que contan cunha fonte regular de ingresos e, non superando un determinado límite de renda, sexan titulares dun contrato de arrendamento ou teñan subscrito como adquirentes a compra dunha vivenda con posterioridade ao 31 de maio de 2024.
Entre as outras iniciativas impulsadas pola área de Xuventude do Concello de Viveiro atopamos tamén ao Grupo Municipal de Participación Xuvenil. O prazo de inscrición no mesmo permanece aberto todo o ano, e as reunións celébranse o segundo e cuarto sábado de cada mes de 11:00 a 13:00 horas na casa do Concello.