Trabada, 13 de febreiro de 2025. O programa Viaxa co Concello de Trabada promove o turismo cultural cunha nova viaxe organizada para os próximos días 29 e 30 de marzo. A actividade está destinada aos veciños e veciñas empadroados no municipio maiores de idade e ofrece unha oportunidade excepcional para descubrir importantes enclaves patrimoniais e culturais.
O prezo da viaxe é de 165€ por persoa e inclúe visitas guiadas ao Palacio de Gaudí en Astorga, ó museo e á Catedral de Astorga, As Médulas e o Castelo dos Templarios de Ponferrada. Ademais, están cubertos os gastos de comidas e cea, con aloxamento nun hotel de 4 estrelas en León e seguro de viaxe.
Segundo o alcalde de Trabada, Rubén García, “o obxectivo desta proposta é facilitarlle á veciñanza a posibilidade de coñecer diferentes lugares do noso país con tódalas comodidades e cunha planificación detallada da viaxe”.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición e realizar o pagamento nas oficinas municipais ata o 12 de marzo. No caso de que queden prazas dispoñibles tras esta data, poderán acudir persoas con familiares empadroados en Trabada.