O concelleira de Educación, Elena Martínez Pena, explica que “os rapaces e rapazas da nosa vila están convidados a participar creando carteis orixinais e inéditos, que reflictan toda a temática que engloba o 8 de marzo. Poderán abordar temas como a igualdade de xénero, o empoderamento feminino ou a historia do movemento feminista, entre outros”.
O prazo límite para a entrega será o martes 25 de febreiro e haberá un cartel gañador por cada etapa educativa. A entrega de premios terá lugar o 7 de marzo durante a concentración que se celebrará na praza do Concello.
A concelleira de Educación destacou a importancia de involucrar aos mozos e mozas na loita pola igualdade: “este concurso é unha oportunidade para que os nosos estudantes expresen as súas ideas e reflexións sobre un tema tan relevante como é a igualdade de xénero. Queremos que se sintan parte activa deste movemento”.
Pola súa banda, a concelleira de Muller e Igualdade, Ana Rojo, engadiu: “a través da arte e da creatividade buscamos sensibilizar á comunidade sobre a importancia de conmemorar o Día Internacional da Muller. É fundamental que as novas xeracións se comprometan coa igualdade, o respecto e a tolerancia”.
Desde o Concello de Foz animan a todos os centros educativos e ao seu alumnado a participar nesta iniciativa que busca dar voz e visibilidade á loita pola igualdade de xénero.