En concreto, estase a actuar na parroquia da Senra, cunha intervención integral que supón un investimento superior aos 150.000 euros procedentes de fondos propios do remanente de tesourería
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o edil de Zona Rural, Adrián Arias, achegáronse ata a zona, para supervisar os traballos.
A obra -tal e como explicou a alcaldesa- abrangue a retirada da parte superior da capa de rodadura existente, o fresado dos firmes asfaltados para a reposición con rodadura bituminosa, executando, así mesmo, canlóns de formigón para a recollida de pluviais.
A reparación e mellora da pavimentación de todo o ancho das vías afectadas supón levar a cabo unha remodelación integral das mesmas, que consiga mellorar as dotacións existentes incidindo na nosa aposta por “crear e mellorar espazos público de calidade, que sexan cómodos e accesibles para a veciñanza e tamén para favorecer o establecemento de novas familias nas nosas aldeas”.
A rexedora apuntou –así mesmo- que esta nova obra é un paso máis cara a igualdade de oportunidades e a cohesión territorial “porque coa mellora de estradas e accesos, estamos garantindo un transporte máis eficiente e seguro, que mellora as condicións de vida das nosas aldeas e núcleos de poboación; porque cada recuncho do noso concello merece os mesmos servizos e oportunidades que as zonas máis urbanas, e neso seguimos a traballar sen descanso”.