O Concello aposta por un tratamento combinado dos residuos orgánicos a través da compostaxe industrial e doméstica, dadas as súas vantaxes ambientais e económicas
Co fin de seguir estendendo a autoxestión dos restos orgánicos a nivel domiciliario, o concello vén de recibir de SOGAMA unha nova partida de 25 composteiros para distribuír entre outras tantas vivendas, que en todo caso deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo (xardín, horta e/ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante; un fertilizante natural, que máis aló de achegar nutrientes ao solo, mesmo o preserva fronte a pragas e enfermidades.
Esta mesma semana, a rexedora, Dolores García Caramés, e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, xa comezaron a entregar os recipientes entre os veciños interesados.
As familias interesadas poden poñerse en contacto co Concello e recibirán ademais do composteiro, un manual didáctico no que se describe a técnica a aplicar, a relación de materiais que deben, e non deben, introducirse no composteiro, o lugar idóneo para o seu emprazamento (no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo co solo para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores) e o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Igualmente, o manual dá resposta ás preguntas máis frecuentes e aos erros máis comúns.
O Concello de Cervo continúa así promovendo unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou a elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente ao contar co composteiro e, por suposto, coa formación necesaria por parte dos usuarios.