Cervo, 15 de febreiro, 2025. A administración local contribuíu con 60.000 euros, nunha obra que supuxo a renovación da cuberta, e a mellora da accesibilidade e da seguridade coa instalación dunha nova varanda de aceiro inoxidable
A alcaldesa, a edil de Obras, e o concelleiro de Zona Rural, estiveron vendo os traballos con membros da asociación que xestiona o inmoble no que organizan diferentes actividades lúdico-culturais.
O Concello de Cervo colaborou coa asociación de veciños Nosa Señora de Lieiro, na mellora integral do local social da parroquia cunha aportación de preto de 60.000 euros, que supuxo a renovación integral da cuberta, coa substitución dos canos e baixantes; e tamén a mellora da accesibilidade e da seguridade, coa instalación dunha nova varanda de aceiro inoxidable. Ademais tamén se fixeron traballos de reparación e de saneamento da contorna.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, o concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, e a edil de Obras, Mali Méndez, achegárse ata as instalacións para ver in situ o resultado dos traballos acompañados por membros da asociación de veciños que xestiona o local.
A rexedora explicou que esta actuación non é só unha partida orzamentaria, é un compromiso coas persoas que fan posible que este espazo se encha de vida e de dinamismo, con dedicación e esforzo “convertendo este lugar nun referente de participación social ao longo de todo o ano”.
Seguimos traballando nunha aposta por favorecer o asociacionismo –engadiu- e con obras como esta tamén contribuímos a crear espazos máis acolledores, funcionais e seguros para seguir enchendo de actividade o noso municipio.