Ante a dificultade recorrente de formar comisións anuais, a alcaldesa Carmela López e a concelleiras de Festexos, Patricia Eijo, e Cultura, Lina Gómez, propuxeron a creación desta asociación, que reuniría a todas as entidades presentes co obxectivo de blindar aqueles actos considerados esenciais.
Carmela López afirma que se trata dunha proposta innovadora “para estruturar a xestión do evento a través dunha entidade estable, garantindo a súa mellora e a súa continuidade no tempo”.
“A iniciativa permitirá que as decisións sobre a estrutura das Festas Patronais non dependan de cada comisión ou de cada goberno municipal, senón dun organismo que vele pola súa estabilidade e tradición”, explica a rexedora.
Dado que a creación formal desta nova asociación require tempo, para este ano propúxose que a Asociación de Hostalaría de Burela, que está a piques de finalizar os seus trámites de constitución, asuma a responsabilidade de organizar as Festas Patronais, contando coa colaboración de todas as entidades implicadas.
“Isto permitirá desenvolver un proxecto piloto que servirá de base para a futura asociación, garantindo que as festas se celebren con éxito e sen incerteza sobre a súa organización”, apunta a alcaldesa.
López destacou a importancia deste modelo de xestión: “Queremos que as Festas Patronais sexan un evento forte e consolidado, que non dependa do que poida pasar cada ano”. “A nosa cultura e tradición meréceno”, engadiu.
“A colaboración entre o Concello, a Asociación de Hostalaría de Burela e as entidades que historicamente traballan nesta celebración permítenos avanzar cara a un modelo máis estable e participativo”, apuntou López.
“Ademais, o Concello estivo e está en contacto con Portos de Galicia e segue de preto os avances das obras no porto de Burela, polo que esta semana puidemos confirmar que finalmente si se poderán facer as Festas na explanada portuaria case na súa totalidade”, sinalou.
O obxectivo deste novo enfoque é que Burela conte cunha estrutura organizativa máis sólida para os seus festexos, cunha asociación aberta a quen queira formar parte e traballar activamente, xa sexa entidades ou persoas físicas, asegurando tanto a implicación das asociacións locais como a continuidade dos actos máis emblemáticos da vila. Desde a organización da procesión e dos actos relixiosos ata a alfombra floral ou a música.
“O Concello de Burela seguirá traballando xunto coa Asociación de Hostalería e co tecido social da vila para garantir que esta transición sexa un éxito e que, no futuro, as Festas Patronais conten cun organismo estable que preserve e impulse a súa esencia”, conclúe a alcaldesa.