Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela ofrece cursos gratuítos para mellorar as competencias dixitais

Burela, 20 de febreiro de 2025. O Concello de Burela abre o prazo de inscrición para dous cursos presenciais gratuítos destinados a mellorar as competencias dixitais da cidadanía.

Estes cursos, que contan con certificación, están deseñados para axudar ás persoas a familiarizarse co uso de internet e as novas tecnoloxías de forma segura e eficiente.

A formación terá lugar na Aula CeMIT do Centro de Formación Ocupacional e estará dividida en dúas modalidades segundo a franxa de idade dos participantes.

O primeiro curso, denominado “Trámites Electrónicos”, está dirixido a persoas de entre 18 e 60 anos e desenvolverase do 17 ao 21 de marzo en horario de 16:00 a 18:00 horas. Os asistentes poderán adquirir coñecementos sobre administración electrónica, banca dixital, videoconferencias e redes sociais, así como explorar os ámbitos de educación, ocio e entretemento en liña. Ademais, abordarase a seguridade en internet, facendo especial fincapé na privacidade, protección de datos e seguridade dixital.

O curso tamén inclúe módulos específicos sobre impulso profesional, como a creación dun currículo dixital, a procura de emprego en liña e a realización de trámites laborais.

A segunda formación, “Trámites en Internet”, está destinada a persoas maiores de 60 anos e terá lugar nas mesmas datas, do 17 ao 21 de marzo, pero en horario de 18:00 a 20:00 horas.

Neste caso, os contidos centraránse na iniciación a internet, administración electrónica e banca dixital, identidade dixital, videoconferencias e redes sociais, así como en aplicacións relacionadas coa saúde e o ocio. Tamén se abordarán aspectos fundamentais sobre seguridade en internet, protección de datos e privacidade, e incluirase unha sección sobre benestar dixital e acompañamento no uso da rede.

O prazo de inscrición ábrese o 21 de febreiro e as persoas interesadas poderán anotarse na Casa do Concello de Burela en horario de 9:00 a 14:00 horas ou chamando ao teléfono 982 58 60 00.

Exit mobile version