Ribadeo, 28 de febreiro de 2025. O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, celebrou unhas xornadas de promoción da súa oferta educativa. Esta iniciativa desenvolveuse esta semana, concretamente o mércores 26 e o xoves 27 de febreiro, e achegou ao alumnado de Secundaria e Bacharelato de centros da contorna a diversidade de titulacións e programas formativos que o Porta da Auga ofrece, destacando a súa calidade e a conexión directa coas necesidades do mercado laboral. Participou nestas xornadas alumnado do IES San Rosendo, de Mondoñedo; do CPR Martínez Otero, de Foz; e dos centros ribadenses IES Dionisio Gamallo e Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús.
Durante as visitas o CIFP Porta da Auga presentou aos asistentes unha completa visión das instalacións, laboratorios e espazos destinados á formación práctica dos estudantes. As diferentes familias profesionais que compoñen a oferta formativa do Porta da Auga -Administración e Xestión; Transporte e Mantemento de Vehículos; Servizos Socioculturais e á Comunidade; Edificación e Obra Civil; e Electricidade e Electrónica- foron o centro de atención, evidenciando o enfoque integral da institución para preparar aos alumnos para un futuro profesional competitivo.
O director do centro, Isidro Berdeal Díaz, explicou que “as visitas foron unha oportunidade única para que moitos estudantes, e por ende as súas familias, coñezan de primeira man a calidade da nosa formación, a nosa infraestrutura coa última tecnoloxía e a conexión directa cos sectores produtivos da nosa contorna. Estamos moi satisfeitos co resultado destas xornadas, que nos permitiron establecer un diálogo directo coas futuras xeracións de profesionais”.
A campaña de promoción, que inclúe visitas guiadas, charlas informativas e demostracións en vivo, foi especialmente ben acollida por aqueles interesados en seguir unha carreira profesional cun enfoque práctico, así como polas empresas locais que buscan novos talentos formados en especialidades técnicas e profesionais.
O CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, continúa desta maneira consolidándose como un referente na formación de cualificación superior e profesional, permitindo que os seus estudantes saian preparados para integrarse con éxito no mundo laboral.
O centro ribadense de Formación Profesional ofrece ciclos de réxime ordinario, de adultos modular, de dual, a distancia e cursos de especialización para adultos.
As persoas interesadas en obter máis información sobre a oferta formativa do CIFP Porta da Auga poden vela na web www.portadaauga.es ou contactar co centro a través do teléfono 982.12.88.84 e do correo electrónico cifp.portadaauga@edu.xunta.gal.