Xove, 10 de febreiro de 2025. O Centro Cívico de Xove acolle desde hoxe e ata o vindeiro 12 febreiro as Xornadas Formativas de Turismo Ornitolóxico, un encontro de carácter gratuíto que ten como obxectivo mellorar as capacitacións para impulsar A Mariña como destino turístico para o estudo e avistamento de aves.
O acto de inauguración contou coa presenza da presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Rocío López; o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro; e a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita.
Tal como explicou a presidenta da Mancomunidade “esta iniciativa busca ampliar e asentar coñecementos e habilidades arredor do turismo ornitolóxico, un dos grandes activos deste territorio, e a formación é fundamental para contar con persoal con capacidade de atender a demanda tanto do público xeral coma do especializado, e poder así desenvolver produtos turísticos sostibles e atractivos”.
Nesta liña, lembrou que a formación que se desenvolve estes días en Xove forma parte dun ambicioso plan impulsado pola Mancomunidade en colaboración con empresas especializadas “para a posta en valor e divulgación do patrimonio ornitolóxico no territorio”.
Formación especializada
Un total de 36 persoas procedentes da Mariña, doutras partes de Galicia e tamén de Asturias participan neste encontro. Trátase, sobre todo, de perfís de profesionais que son guías oficiais, técnicos de turismo, xerentes e empregados de aloxamentos turísticos, axentes de viaxes, asesores de ornitoloxía, técnicos de medio natural e paisaxismo, fotógrafos e técnicos de empresas de educación ambiental, ocio e tempo libre, entre outros.
A través desta formación os participantes teñen a oportunidade de mellorar as súas capacidades para atender á demanda neste eido, así como desenvolver produtos turísticos atractivos e respectuosos coas especies e os seus hábitats, contribuíndo ao desenvolvemento local sostible.
Programa das xornadas
As xornadas contan cun completo programa de charlas e conferencias de profesionais, como ornitólogos, técnicos de turismo, divulgadores, investigadores, biólogos ou educadores ambientais, que ofrecerán aos asistentes as claves para crear e xestionar de maneira sostible os destinos vinculados á ornitoloxía.
Ademais, realizaranse visitas guiadas para a observación de aves e lugares de interese na costa Oriental e na Occidental da Mariña, ofrecendo así unha oportunidade única para poñer en práctica moitos dos coñecementos adquiridos e avaliar de primeira man os recursos do territorio.
Consulta o programa completo aquí:
https://amarinalucense.gal/gl/novas/jornadas-formativas-en-turismo-ornitologico-de-a-marina-lucense
Destino ornitolóxico
Estas xornadas son un paso máis na aposta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense por impulsar este territorio como destino de turismo ornitolóxico, para o que está a traballar, en colaboración con empresas especializadas, na ampliación da información divulgativa sobre a diversidade de aves e ecosistemas existentes no territorio dirixida a aqueles viaxeiros interesados na práctica deste tipo de ecoturismo. Este plan inclúe a instalación de diferentes totems informativos de baixo impacto paisaxístico en áreas representativas a nivel ornitolóxico do xeodestino, así como a publicación de material divulgativo da Mariña como destino de turismo ornitolóxico.
Nesta liña, a Mancomunidade acollerá do 28 ao 30 de marzo o encontro NatureWatch A Mariña Lucense, un evento de proxección nacional especializado en ecoturismo e observación da natureza que reunirá a participantes nacionais e internacionais.
Estas accións están promovidas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.