Primeira parte para os mariñaos e segunda para os manzanareños nun duelo direto cargado de ritmo
Burela, 26 de febreiro, 2025. O Burela FS disputou ás 21.00h desta noite, a xornada 20 da 1ª División de Fútbol sala, un duelo directo entre o 10º e 11º clasificados que resultou nun encontro moi movido e bonito entre dous equipos moi parellos. Partido moi igualado cunha primeira parte cun Burela que xera xogo e perigo, conservando o balón en gran parte destes primeiros 20 minutos, mantendo a presión alta e xerando ocasións de gol que conseguen materializar no minuto 20. Na segunda parte vemos unha mellor versión do Manzanares, cun xogo máis vertical e aumentando a intensidade defensiva, logrando empatar o encontro.
Arrinca con presión alta o conxunto do técnico ex-burelista Juanlu Alonso cunha boa resposta do Burela con impecables axustes defensivos que se manterán durante toda a primeira parte por parte dos dous equipos. Comezo eléctrico cunha primeira ocasión para os mariñáns no minuto 1 cun potente disparo de R. Ribeira directo á escuadra que despexa o mozo e prometedor porteiro local, Javi Bule. Responde tamén o conxunto visitante con presión alta e procurando manter a posesión do balón que, aínda que nos primeiros minutos lle custa, conségueo durante toda esta primeira parte. No minuto 3 primeira das importantes intervencións do porteiro polaco que non se despista ante un remate de Juan Emilio dende o segundo pau e non chega por moi pouco o capitán chileno, Bernardo Araya, a un peligrosísimo pase lateral de Pitero á portería, que ben puido ser o primeiro tanto dos burelenses no minuto 7. Ocasión do tamén ex-burelista Antoñito no mesmo minuto, frustrado por Kaluza que detén co corpo un disparo raso. Boa presión do Burela e moita seguridade en pista. Outra ocasión de R. Ribeira no minuto 11 tras unha boa transición e disparo rápido que se vai rozando a escuadra e dobre intervención de Michal no 12 a dous disparos na área. Continúanse sucedendo as ocasións, no 13 Marc Campàs lánzaa rozando o pau tras unha boa recuperación de Araya e no 14, Isma si que a lanza ao pau tras unha boísima recuperación do fonsagradino. Primeiro dos catro intentos de Michal Kaluza de atopar o gol no minuto 15, cun disparo longo directo que despexa Bule e sálvaa posteriormente, no minuto 17, nun disparo sorpresa de Pedro Herreros que o muro da escuadra laranxa despexa cos dous antebrazos en cruz. Téntano, de novo, M. Kaluza, R.Ribeira e Charly nunha das ocasións máis claras de todo o encontro, senón a máis clara, con tres intervencións consecutivas e espectaculares do porteiro canteirán do conxunto manzanareño. Contiúa buscando o gol o Burela e chega no minuto 20 tras unha boa transición e pase de Rikelme á área que remata Pitero fronte á portería.
Na segunda parte o Manzanares sae con ganas de empatar sabendo que conta cun plantel máis amplo que pode rascar do cansazo dun limitado plantel burelense, e así o fai. Aínda que se aprecia o cansazo en contados erros durante estes 20 minutos, os nosos Pícaros resisten unha dura segunda parte xerando bastante perigo ao rival dende o principio ata o final, sendo a primeira ocasión para os mariñáns cun disparo de Charly que se vai rozando o pau tras unha boísima recuperación e asistencia de R. Ribeira. E chega o empate, un golazo de Álvaro que a finta e dispara dende case a liña de fondo, case sen ángulo de golpeo, e métea con moita precisión entre Michal e o pau da meta laranxa. No minuto 33 outra ocasión clarísima de Juninho que recibe un pase cruzado incrible de Isma pero lánzaa ao pau e no 36 volve rozar o pau un remate de Pitero. Un minuto despois dúas grandísimas intervencións de Michal, que salva o segundo dos locais e a última boa ocasión do partido tamén será para o Burela, tras un brillante contragolpe do capitán do equipo que se atopa de novo cun imparable Javi Bule que frustra os tres puntos ao equipo laranxa.
Volveremos ver aos nosos Pícaros en Vista Alegre dentro de tres días, nunha Tarde Laranxa que comeza co partido do equipo feminino ante o Ence Marín Futsal ás 17.30h e que continúa co do equipo masculino ás 20.00h ante o Industrias Santa Coloma. Importantes tres puntos que interesa conseguir fronte a un rival con posibilidades, na casa e nun intenso mes de febreiro no que os nosos 11 xogadores están frontando con moitísimo mérito, con moitos minutos de xogo encima que parecen non afectar a este grupo que está facendo unha tempada máis que espectacular.
Ficha Técnica Quesos El Hidalgo Manzanares FS 1-1 CD Burela FS
Quesos El Hidalgo Manzanares FS (1): Javi Bule; Robles, Daniel (C), Álvaro, Juan Emilio -quinteto inicial-, Javi Alonso, Antoñito, Deivao, Pedro Herrero, Zequi, Pedro Beraldo. Entrenador: Juanlu Alonso.
CD Burela FS (1): Kaluza; Araya, Rikelme, Isma, Charly -quinteto inicial-, Juninho, Alberto, Pitero, Marc Campàs. Entrenador: David Rial.
Goles: 0-1, min. 20: Pitero. 1-1, min. 24: Álvaro.
Árbitros: Pedro Antonio Carrillo Arroyo, Juan José Cordero Gallardo, Marcos Cazorla Pérez, Eduardo Salazar López de la Oliva.
TA: Por parte del Manzanares; Diego Santos Sanz, Zequi y Juan Emilio. Por parte del Burela; Isma.