Os tantos de Pitero e Rikelme, que anotou un dobrete, nos últimos seis minutos de partido déronlle a volta ao 1-2 co que se foron os andaluces ao descanso
O encontro comezou con moito ritmo e as primeiras ocasións foron para o equipo cordobés, que nos tres minutos iniciais de xogo probou a Kaluza por mediación de Titi del Rey, Víctor e Macedo. En todos os disparos meteu as mans o porteiro internacional polaco para evitar que se adiantasen os visitantes. Sacudiu a presión sobre a súa portería o Burela cunha dobre ocasión de Pitero no minuto 6. O canteirán rematou de cabeza un balón en longo de Kaluza e puxo en moitos apretos a Víctor, que logrou despexar case sobre a liña. No rexeite, o meta cordobés volvía aparecer para sacar coas pernas abaixo un novo remate do burelense e facíao de novo no minuto 8 para despexar un disparo seco e debaixo de Charly desde fóra da área.
O cadro local tería a súa gran oportunidade no minuto 11, cando o meta califal Víctor realizaba un mal pase e entraba de forma temeraria sobre Alberto vendo a tarxeta vermella. Juninho non aproveitaba a falta, pero os locais non deixaron escapar a oportunidade de adiantarse cun home máis. Rikelme, só no segundo pau, remataba a pracer un gran envío de Isma.
Coa igualdade en pista de novo, os branquiverdes non tardarían en igualar grazas a unha incursión do meta suplente Alarcón, que disparaba e o seu tiro era aproveitado por Titi del Rey no segundo pau para anotar o empate. Os locais non acusaron o golpe e tiveron o 2-1 dúas veces nos pés de Rikelme. Na primeira, nunha acción persoal, foise de todos os rivais que lle saíron ao paso, pero o seu remate cruzado diante de Alarcón íase por moi pouco. No segundo, xa no minuto 19, o meta cordobés sacaba unha gran man para imposibilitar o tanto do brasileiro. A pesar de que estaban a dominar os locais, os que se foron por diante ao intervalo foron os visitantes cun golazo de Titi del Rey, o gran protagonista dos califais en ataque. Un pase rápido de Arnaldo Báez deixaba só ao rosarino ante Kaluza e o arxentino non perdoaba cunha gran picadiña que superaba ao porteiro laranxa.
Os burelistas recuperáronse do golpe no descanso e asinaron un notable segundo tempo, no que acabaron asediando a meta do cadro andaluz e logrando a remontada. Con todo, a primeira ocasión foi branquiverde, cando Kaluza desbarataba cun bo pé o que podía ser o terceiro tanto de Titi do Rey. A partir de aquí, case todas as ocasións foron para os mariñaos.
O primeiro en ter o empate nos seus pés foi Araya, pero o seu remate logo dunha gran acción de Pitero atopábase co traveseiro. Dous minutos máis tarde era Isma o que buscaba sorprender cun taconazo de costas desde a frontal, pero estaba moi atento Alarcón baixo paus para deter en dous tempos. Entre ocasión e ocasión burelesa, Juanan tiña o terceiro para os cordobeses, pero resolvía moi ben Kaluza.
Co paso dos minutos, o Burela incrementaba a súa presión sobre a meta andaluza e Juninho e Campàs, que debutaba de laranxa en Vista Alegre, esixían ao meta do filial cordobesista con senllos potentes disparos. De novo Juninho tería unha dobre ocasión, pero primeiro era o cancerbeiro o que sacaba o perigo e logo entre Alarcón e a súa zaga enviaban o coiro lonxe do marco visitante. Charly e outra vez Juninho buscarían un empate que acabaría chegando no minuto 34 por mediación de Pitero. O canteirán aproveitaba un rexeite a un disparo de Rikelme para meter a biqueira e anotar o segundo.
Non se conformaron os locais coa igualada e fóronse a polo terceiro, que xa tivo Pitero un minuto máis tarde cun tiro ao pau, logo dunha gran parede entre Isma e Alberto, con servizo final do santiagués. Despois era Araya o que o probaba desde campo propio tras un mal pase de Alarcón nunha incursión do meta cordobés en territorio laranxa. Antes do 3-2, Kaluza repelía un man a man de Felipe Echavarría.
O tanto que ao cabo lle daría a vitoria ao Burela chegaba a menos de dous minutos da conclusión nunha gran xogada colectiva dos de David Rial. Isma conducía unha contra veloz, cedía o capitán para Charly e o coruñés poñíaa milimetricamente no segundo pau para que o brasileiro anotase o seu particular dobrete e puxese o 3-2 final no electrónico. No último minuto e medio buscaron o empate os califais con Juanan xogando de porteiro-xogador, pero só no último segundo conseguían trazar unha ocasión, pero o remate do propio Juanan íase ás nubes.
Ficha Técnica Burela FS 3-2 Córdoba Patrimonio de la Humanidad
Burela FS (3): Kaluza; Araya, Alberto, Rikelme, Isma -quinteto inicial-, Charly, Juninho, Pitero, Quelle e Marc Campàs.
Córdoba Patrimonio de la Humanidad (2): Víctor; Pablo del Moral, Arnaldo Báez, Macedo, Titi del Rey -quinteto inicial-, Juanan, Felipe Echavarría, Murilo, Mareco, Alarcón (ps), Gui Santos, Mykytuik, Cendán e Lluc.
Goles: 1-0, min. 13: Rikelme. 1-1, min. 14: Titi del Rey. 1-2, min. 20: Titi del Rey. 2-2, min. 34: Pitero. 3-2, min. 39: Rikelme.
Árbitros: Faubell Zaldívar e Lázaro Angulo (Aragón). Expulsaron con vermella directa ao meta cordobés Víctor por unha entrada temeraria sobre Alberto. Tamén amoestaron ao visitante Felipe Echavarría.
Incidencias: Encontro da décimo sétima xornada da Primeira División masculina disputado no pavillón de Vista Alegre diante duns 800 espectadores. Nos prolegómenos do partido conmemorouse o Día Mundial contra o Cancro e os futbolistas do Burela luciron os ‘Brazaletes da Esperanza’ da Asociación Española contra el Cancro.