Lugo, 25 de febreiro de 2025. A Deputación de Lugo insta á Xunta de Galicia a crear unha Valedoría de Igualdade, que asesore e asista as mulleres diante de posibles situacións de discriminación por razón de xenero que se produzan no sector privado.
A iniciativa do BNG, presentada como proposta do goberno provincial aprobouse no pleno provincial deste martes, no que a deputada e portavoz nacionalista Iria Castro defendeu a necesidade “de seguir avanzando na creación de instrumentos a favor de igualdade” e na “salvagarda dos dereitos recoñecidos na lexislación” que, recordou, o BNG impulsou desde o goberno e desde a oposición con achegas como a coñecida Lei Ángeles Alvariño para a igualdade entre homes e mulleres na investigación.
A deputada nacionalista afeou o voto en contra do PP , ao que reprochou “que invisibiliza ás mulleres na composición do grupo provincial”, un aspecto que sinalou como demostración da necesidade de implementar novas ferramentas que impulsen avances en igualdade.
Incorporacións a actividade agraria e plans de mellora
O pleno provincial tamén aprobou unha moción que reclama á Xunta de Galicia unha nova convocatoria de axudas á incorporación e plans de mellora na actividade agraria que garanta o futuro das mozas e mozos que queren instalarse no rural con modelos de xestión sostible e baseados nunha gandería extensiva con pastoreo.
A proposta recóllese nunha moción do BNG aprobada malia a abstención do PP , que da conta da denegación masiva de solicitudes da última convocatoria. O deputado nacionalista e responsabel de Rural Daniel García detallou que “o 70 por cento das solicitudes de plans de mellora foron denegadas “ e puxo de manifesto que “aínda non está dispoñible o borrador da nova convocatoria que a Consellaría se apurou a anunciar”.
“É inadmisible para calquera administración que se desbote un número de solicitudes que cumpren coa normativa e cos requisitos técnicos, tras a supervisión do persoal das oficinas rurais e do servizo de explotacións agrarias”, dixo o deputada nacionalista, que advertiu de que “este desleixo na xestión compromete o futuro das mozas e mozos que se incorporaron á actividade agraria e que non dispoñen do plan de mellora asociado”.
Contrapuxo a falta de compromiso e de xestion neste eido, co apoio á instalacíon de Altri no corazón da comarca da Ulloa, berce da produción ecolóxica da provincia, con 250 millóns de euros de fondos públicos.