Ribadeo, 19 de febreiro, 2025. O BNG recorda que a Deputación aumenta a colaboración para o Ribadeo Indiano até os 23.000€ para o ano 2025 e censura “as mentiras do PP sobre este asunto”.
Explican que: “Ante a nova serie de mentiras vertidas polo PP de Ribadeo o BNG vese na obriga de aclarar unha serie de puntos: A Deputación aumenta a colaboración para a organización do Ribadeo Indiano, de 20.000€ a 23.000€ para o ano 2025. A colaboración faise a través dunha organización seria, solvente e con traxectoria contrastada como é ACISA. O goberno do PP incumpriu o convenio de colaboración en reiteradas ocasións por sectarismo político e incompetencia poñendo en risco a inversión para Ribadeo”.
O voceiro do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso, declarou: “A Deputación mostra así a vontade de seguir contribuíndo á organización do Ribadeo Indiano, salvando a falta de colaboración institucional por parte do goberno municipal, empeñado en confrontar coa Deputación de Lugo en todos os ámbitos por puro sectarismo político, Ribadeo parece ser que é o que menos lles importa”.
Vizoso engadiu: “Desde o BNG de Ribadeo recomendámoslle ao PP que deixe de facer oposición á oposición con mentiras continuas. Recomendámoslles tamén que non sexan sectarios e se alegren do aumento da inversión para Ribadeo. Agardamos que este ano preparen un evento tan importante para o noso concello como é o Ribadeo Indiano coa antelación e coa atención suficiente para que non se dean situacións de falta de previsión e descontrol como as do último ano. Sería bo para todos que se centren en gobernar e solucionar os problemas das ribadenses e dos ribadenses, porque esa debe ser sempre a prioridade”.