Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclámalle a Rueda que “desclasifique os papeis ocultos de Altri e dea a coñecer o acordo secreto asinado con Impulsa”

Luís Bará advirte do “claro conflito de intereses” que supón que Lorenzana sexa ao mesmo tempo conselleira de Industria e presidenta da sociedade

Santiago de Compostela, 10 de febreiro. O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “desclasifique” os “papeis ocultos” de Altri e dea a coñecer de maneira inmediata, , o contido do “acordo secreto” asinado pola pasteira portuguesa e a Sociedade Impulsa en outubro de 2021, porque os galegos e as galegas teñen dereito a coñecer a verdade.

Para facer fronte aos “intereses por terxiversar a realidade”, Bará subliñou que o pacto entre a Xunta —maioritaria na Sociedade Impulsa— e a pasteira é coñecido porque a propia empresa informou del ao seu consello de administración e á comisión nacional de valores de Portugal. Porén, advertiu, descoñécese o seu contido e os detalles do acordo.

É por todo isto que o BNG vén de rexistrar unha iniciativa para reclamar de novo, pola vía do artigo 9 do Regulamento, que a Xunta, ademais dos compromisos adquiridos nese acordo, faga pública toda a documentación sobre o concurso internacional da Sociedade Impulsa polo que foi seleccionado o proxecto industrial de Altri, así como os acordos asinados ata a declaración do proxecto industrial estratéxico e as comunicacións entre Impulsa e a Consellería de Industria en relación á megacelulosa que se pretende instalar en Palas de Rei.

“Hai moitas sombras e moitas sospeitas arredor da tramitación do proxecto”, asegurou o deputado nacionalista, que censurou a “falta de transparencia e a ocultación” de información por parte do Executivo do PP, ao que o BNG xa lle pediu documentación en ocasións anteriores sen obter máis que “evasivas”.

Bará advertiu, por outra banda, do “claro conflito de intereses” e de “incompatibilidade” que supón que María Jesús Lorenzana sexa ao mesmo tempo conselleira de Industria e presidenta da Sociedade Impulsa, na que a Xunta ostenta un 40 % de accións, Abanca un 38 %, Sogama un 10 % e Reganosa, un 12 %. Nestas dúas últimas a Xunta tamén ten participación, apuntou.

“A mesma persoa que estableceu os acordos ocultos con Altri é a persoa que ten que tramitar no Consello da Xunta a aprobación do Proxecto Industrial Estratéxico, afondou o viceportavoz do BNG para denunciar que “hai un intercambio de información claro e evidente” e que mesmo “podería haber un caso de tráfico de influencias”.

Subliñou, así mesmo, as “modificacións legais” que a Xunta do PP aprobou desde que se asinou o acordo de 2021 até a declaración do proxecto como industrial estratéxico, cambios na normativa do solo, ambiental ou de ordenación do territorio “que parecen feitos a medida de Altri”.

A través da Lei de Acompañamento de 2024, foi tamén modificada, engadiu Bará, a lexislación en materia de política industrial para que Altri “poida recuperar todo o investimento no caso de que o proxecto non saia adiante”. Segundo as modificacións feitas, a compañía lusa tamén será indemnizada con ata medio millón de euros se o proxecto de avaliación ambiental non se tramita no praza de un ano. “Todo isto parécenos extremadamente grave”, considerou.

En resposta a preguntas dos xornalistas, o deputado do Bloque considerou “un exemplo máis de información privilexiada e de que hai unha canle de comunicación aberta ao máis alto nivel entre Xunta e Altri” as declaracións feitas hai uns días por un alto directivo de Altri nas que daba por feito que a macrocelulosa terá autorización ambiental en marzo e autorización ambiental integrada en xuño, “poida que para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente”, ironizou.

“Todas as administracións do PP están nunha batalla por terra, mar e aire” para apoiar un proxecto contra o que se teñen manifestado miles de galegos e galegas. “O PP pode facer presión, chantaxear e levar o asunto a todos os parlamentos e a todas as institución, pero os que se opoñen á macrocelulosa, os que nos opoñemos, parece que somos delincuentes”, concluíu.

Exit mobile version