Reclama aumentar as contías e pide que non se discrimine os concellos do interior que non teñen praias pero que si contan con piscinas municipais
Santiago de Compostela, 7 de febreiro 2025. O BNG reclama á Xunta que anticipe a aprobación e publicación da orde de convocatoria de axudas para que os concellos poidan planificar e organizar o servizo de socorrismo nos espazos acuáticos, así como que se incremente o orzamento para corrixir a preocupante evolución de mortes por afogamento en Galiza nestes espazos, que en 2024 subiu un 47%, con 64 mortes, mentres que en 2023 morreron pola mesma causa 46 persoas, e 39 en 2023.
O deputado Iago Tabarés reclama que as axudas teñen que convocarse a tempo para que os concellos non teñan que recorrer necesariamente a empresas privadas ou optar por non abrir as piscinas e outras áreas de baño. Recordou que o ano pasado a convocatoria foi publicada o 31 de maio, que o prazo para presentar solicitudes rematou o 1 de xullo e o límite que tiña a Xunta para resolver as achegas era o 30 de setembro.
Estes prazos nas convocatorias “impediron que os concellos puidesen realizar unha axeitada planificación da prestación deste servizo e fomenta ademais a externalización en empresas privadas porque non teñen tempo para iniciar procesos de selección de persoal”, apuntou.
Tabarés emprazou á Xunta do PP a que corrixa os criterios de valoración das axudas, que segundo o deputado, penalizan e mesmo exclúen os concellos do interior que na súa inmensa maioría non dispoñen de praias”. “A Galiza do interior existe e a súa cidadanía tamén quere dispor de espazos acuáticos en verán”, manifestou.
Na súa intervención, diante da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, o deputado nacionalista quixo saber os resultados da convocatoria así como os concellos beneficiarios, tanto no ano 2024 como en exercicios anteriores, “porque non os coñecemos. O que si dixo coñecer é o incremento no número de pasamentos por afogamentos en espazos acuáticos a nivel estatal, onde o 86% das mortes se produciron en lugares que carecían de socorrista”, sendo Galiza a segunda comunidade en número de afogamentos de todo o Estado.
Diante destes datos, Tabarés alertou da necesidade de dispoñer de socorristas nos espazos acuáticos e por iso, e ante a falta de respostas por parte do PP ás preguntas escritas e orais do BNG, o deputado volveu preguntar na Comisión 1ª, non obtendo respostas.
“Non é unha falta de respecto a este deputado, nin ao BNG, é unha falta de respecto ao Parlamento e á cidadanía galega”, reprochou.