A xustiza obriga á televisión pública a difundir no TX1 a rectificación dando lectura ao escrito de denuncia remitido pola formación á dirección do ente
“A Xustiza dálle a razón ao BNG e obriga a CRTVG a rectificar nos mesmos termos nos que difundiu a mentira. A televisión pública galega terá que ler integramente a primeira parte da carta de rectificación enviada á súa Dirección Xeral”, declarou a viceportavoz Olalla Rodil.
Desde o BNG denuncian que a manipulación informativa na CRTVG é “cada vez máis obscena e insoportable”, respondendo aos intereses do Partido Popular. Por esta razón, Rodil considera que esta sentenza “non é unha vitoria só para o BNG, senón para toda a cidadanía galega”.
“A resolución do tribunal fai prevalecer a verdade e o dereito da sociedade galega a contar con medios de comunicación públicos plurais, veraces e obxectivos”, sinalou a deputada nacionalista. Así mesmo, lembrou que esta non é a primeira sentenza contra a actual dirección da CRTVG, que xa acumula varias condenas por vulneración de dereitos fundamentais.
“Hoxe damos un paso máis na defensa e no rescate dos medios públicos de Galiza”, concluíu Olalla Rodil.
O BNG reafirma o seu compromiso de seguir traballando para garantir uns medios públicos ao servizo do país, que reflictan a pluralidade e a diversidade da sociedade galega, e non convertidos nunha ferramenta de propaganda do PP.