A xustiza obriga á televisión pública a difundir no TX1 a rectificación dando lectura ao escrito de denuncia remitido pola formación á dirección do ente
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego celebra a recente sentenza xudicial que condena a CRTVG por difundir información falsa contra a organización. O fallo xudicial recoñece o dereito de rectificación do BNG despois de que a TVG emitise unha noticia no seu Telexornal do Mediodía asegurando, de maneira falsa, que ningún representante da formación participou no acto de conmemoración do 75º cabodano da morte de Castelao.
“A Xustiza dálle a razón ao BNG e obriga a CRTVG a rectificar nos mesmos termos nos que difundiu a mentira. A televisión pública galega terá que ler integramente a primeira parte da carta de rectificación enviada á súa Dirección Xeral”, declarou a viceportavoz Olalla Rodil.
Desde o BNG denuncian que a manipulación informativa na CRTVG é “cada vez máis obscena e insoportable”, respondendo aos intereses do Partido Popular. Por esta razón, Rodil considera que esta sentenza “non é unha vitoria só para o BNG, senón para toda a cidadanía galega”.
“A resolución do tribunal fai prevalecer a verdade e o dereito da sociedade galega a contar con medios de comunicación públicos plurais, veraces e obxectivos”, sinalou a deputada nacionalista. Así mesmo, lembrou que esta non é a primeira sentenza contra a actual dirección da CRTVG, que xa acumula varias condenas por vulneración de dereitos fundamentais.
“Hoxe damos un paso máis na defensa e no rescate dos medios públicos de Galiza”, concluíu Olalla Rodil.
O BNG reafirma o seu compromiso de seguir traballando para garantir uns medios públicos ao servizo do país, que reflictan a pluralidade e a diversidade da sociedade galega, e non convertidos nunha ferramenta de propaganda do PP.