Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG impulsa o acordo do Parlamento para pedir ao Goberno central que as comunidades de montes en man común poidan actuar como comunidades enerxéticas de pleno dereito

Xosé Manuel Golpe advirte do baleiro legal que está a provocar numerosas trabas na creación de comunidades de enerxías renovables

Santiago de Compostela, 21 febreiro 2025. O BNG acadou o acordo do Parlamento para que a Xunta traslade ao Goberno estatal unha proposta de regulación das comunidades enerxéticas de base cidadá que, entre outras cuestións, recoñeza as comunidades de montes veciñais en man común como comunidades enerxéticas de pleno dereito.

Así o defendeu o portavoz nacionalista de Enerxía, Xosé Manuel Golpe, nunha proposición non de lei na comisión parlamentaria de Industria e Enerxía, na que recordou que en Galiza existen arredor de 2.700 comunidades de montes veciñais que xestionan máis de 600.000 hectáreas, aproximadamente o 20% do territorio de todo o País, que coa actual regulación non poden actuar como comunidades enerxéticas.

Golpe advertiu que aínda que é bastante recorrente focalizar as comunidades enerxéticas na enerxía eléctrica de autoconsumo, sobre todo fotovoltaico, o certo é que unha comunidade enerxética pode promover proxectos no ámbito térmico.

“E se falamos de enerxía térmica renovable, falamos de biomasa, e aí é onde entran en liza as comunidades de montes veciñais en man común”, afondou, para reclamar o recoñecemento explícito por parte do Executivo central para que as comunidades de montes mancomunadas poidan actuar como comunidades enerxéticas, tal e como tamén xa solicitou a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais ao Goberno estatal.

O deputado do BNG defendeu esta proposta poñendo o foco tamén na falta de regulación das comunidades enerxéticas, xa que, tal e como recordou, a día de hoxe, a única base legal existente é o real decreto 23/2020, que modifica a lei do sector eléctrico, e que introduce a definición de comunidade de enerxías renovables.

“Pero, aínda así, unha definición non regula o funcionamento destas comunidades enerxéticas e este baleiro legal provoca na actualidade moitas trabas e restricións que dificultan a creación de comunidades locais de enerxía”, afondou, para subliñar a continuación que a falta de seguridade xurídica está a provocar a ralentización de proxectos que, moitas veces, subliñou, acaban por reconverterse en “proxectos de xeración, de autoconsumo compartido, para salvar ese baleiro legal”.

Ademais, sinalou como dificultades engadidas as limitacións aplicadas na práctica cos 500 metros de distancia entre o punto de produción e o consumo (dous quilómetros no caso de que a instalación sexa cuberta) ou co límite administrativo de 100 KW para que a tramitación da instalación se realice a través dun réxime simplificado.

De igual xeito, tamén indicou que están sen regular as facultades que a propia lei do sector eléctrico atribúe ás comunidades enerxéticas en materia de distribución ou comercialización de electricidade, dado que, na teoría, calquera comunidade pode exercer as funcións de distribución e comercialización, pero isto entra en conflito coa separación de actividades que ditamina a propia lei do sector eléctrico.

Nesta liña, considerou cando menos “curioso” que, cando a Xunta leva tres convocatorias de axudas dedicadas en parte a que os concellos promovan a creación de comunidades enerxéticas, “non haxa ningunha regulación sobre este aspecto”, o que está a provocar un “balbordo de fondo” que deriva en posicións moi diferentes no ámbito local, con municipios que facilitan que os proxectos cheguen a bo porto ou con outros que mesmo impiden que o concello se beneficie de participar en proxectos de comunidades enerxéticas.

Con todos estes aspectos sen contemplar no marco lexislativo actual, Golpe incidiu no feito de que este baleiro legal non deixa de ser “unha traba constante e continua” ao desenvolvemento de comunidades enerxéticas, polo que rematou a súa intervención apuntando á necesidade dunha regulación completa e ben desenvolvida neste ámbito de actuación.

Exit mobile version