Acusa á conselleira de “insultar a intelixencia” dos galegos e das galegas e subliña que o encoro de Portodemouros xa está altamente contaminado
O deputado nacionalista acusou a conselleira Ángeles Vázquez de “insultar a intelixencia dos e das galegas ao dicir que esta autorización servirá para mellorar o estado das augas, nun encoro xa altamente contaminado, tal e como recolle o Plan Hidrolóxico, que asegura que o seu estado é peor que bo, é dicir, ten “o peor estado dentro da cualificación que existe”. “É unha autorización que vai claramente en contra da propia normativa da Xunta”, subliñou.
Preguntouse, neste punto, como é posible dicir que vai mellorar a calidade das augas cando con Altri se incrementarán “substancialmente” os vertidos contaminantes de nitratos, sulfatos e de sólidos en suspensión. Ademais, lembrou o impacto que suporá captar 48.000 m3 ao día e verter 30.000 a 27 graos nunha zona moi sensible e con grandes oscilacións de caudal, cun risco moi grande para as posibilidades de dilución dese vertido. Será un “golpe de graza” que vai poñer en risco moitos postos de traballo, lamentou.
O viceportavoz parlamentario do Bloque considerou que a autorización era “totalmente previsible” porque, explicou, non se trata dunha decisión técnica, senón dunha “decisión política, un acordo que tomou a Xunta do PP con Altri para facer este proxecto “a toda costa e a todo custo”.
“A Xunta xa pasou polo ollo da agulla o primeiro elefante, que era moi transcendente porque posibilita os trámites posteriores”, advertiu, denunciando a continuación o “cúmulo de irregularidades e as presións a altos cargos e cargos intermedios”, algún dos que chegaron a presentar a súa dimisión, como fixo o director xeral de Calidade Ambiental, Ramón Martínez Boga, en setembro de 2024.
Bará recordou os nomeamentos en postos clave de Augas de Galiza de persoas identificadas claramente co PP, como Agustín Hernández e Ignacio Maestro, referíndose ademais á externalización de informes con Tragsatec, e á presión directa a técnicos da Xunta que os levou a un estado de altísima presión psicolóxica. “Cónstanos porque o dixeron estas persoas afectadas”, aclarou, para considerar que “é curioso que a conselleira intente acusar o BNG do que están facendo eles”.
Consultoras “a medida”
O responsable do Medio Ambiente do Bloque incidiu en que a autorización da captación e vertido de augas ao encoro e ao Ulla vai afectar a espazos protexidos da Rede Natura, espazos nos que a Xunta investiu diñeiro para a conservación de especies ameazadas, coma o mexillón de río.
Preguntouse, por outra banda, como van solventar a cantidade enorme de terras que se van ter que mover con explanadas ou explosivos, nada menos que 1.375.000 m3 para facer o recheo da plataforma, ao que habería que sumar o depósito de 340.000 m3 que se levará á zona sur da planta, xustamente a lindante co río.
Neste punto fixo referencia ao caso dunha celulosa semellante que pretendía implantarse en Noruega e cuxa autorización foi denegada polo acto impacto sobre os fiordos de Oslo.
Bará cuestionou así mesmo o rigor dos informes da consultora contratada por Altri, a finlandesa Poyry, que agora xustifica a instalación da macrocelulosa cerca do Ulla cando non hai moito desbotou o traslado de Ence ás Pontes por situarse cerca do río Eume, debido ao seu escaso caudal. “Se non é corrupción, se non é prevaricación, que nolo expliquen”, agregou.
O deputado nacionalista considera que un tema desta transcendencia ten que ser obxecto dun gran debate e participación social e por iso, anunciou, o BNG convocará no Parlamento unha xuntanza cos colectivos implicados o vindeiro 15 febreiro, despois de que o PP vetase a súa comparecencia nas comisións da Cámara galega. “O PP non quere que se escoite no Parlamento a voz das entidades, das empresas ou das cooperativas que están en contra deste proxecto, pero o BNG vai permitilo”, rematou.