Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia o impacto do acordo UE-Mercosur no sector agrogandeiro galego

Secundino Fernández exixiu que o Goberno galego se posicione claramente en defensa da produción agrogandeira do país e adopte medidas para frear os efectos negativos deste tratado comercial

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2025. O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Secundino Fernández, vén de presentar unha moción no Parlamento para exixir respostas sobre o impacto do Acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur no sector agrogandeiro galego.

Secundino Fernández advertiu das graves consecuencias que este tratado pode ter sobre a produción galega de carne de vacún, avícola e mel, debido á entrada masiva de produtos de América do Sur sen garantías de cumprimento dos estándares europeos de calidade e seguridade alimentaria.

“O acordo suporá a importación anual de 99.000 toneladas de carne de vacún, 180.000 toneladas de carne de aves e 45.000 toneladas de mel, superando en moitos casos a produción galega e poñendo en risco a competitividade do sector primario” subliñou. Ademais, o BNG denuncia que estes produtos procedentes de Mercosur non cumpren os mesmos requisitos ambientais, sanitarios e laborais que os galegos, o que supón unha competencia desleal e unha ameaza para a soberanía alimentar do país.

O deputado nacionalista criticou a pasividade do Goberno do PP, sinalando que as declaracións da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, son “pouco alentadoras” ao limitarse a expresar preocupación sen tomar medidas concretas. “Non podemos aceptar que a Xunta se resigne a ser espectadora ante un acordo que pode devastar o noso sector agrogandeiro. Demandamos accións inmediatas para protexer as nosas explotacións e garantir unhas condicións xustas para os nosos produtores” afirmou.

O BNG instou á Xunta de Galiza a realizar unha análise urxente sobre o impacto deste acordo e a poñer en marcha medidas de protección para o sector. Fernández pediu que o Goberno galego se posicione claramente en defensa da produción agrogandeira do país e adopte medidas para frear os efectos negativos deste tratado comercial.

Exit mobile version