Luís Bará advirte do enorme e letal impacto que tería a macrocelulosa pola captación de augas e polo vertido de augas contaminantes ao río Ulla
Crónica dunha autorización anunciada, explica o portavoz parlamentario de Medio Ambiente, Luís Bará, porque o Executivo de Alfonso Rueda “xa fai tempo que decidiu autorizar a macrocelulosa de Altri” e, advirte, “vai amañar todos os informes para conseguilo, con irregularidades de todo tipo e presións ao persoal da administración”.
“É unha atentado contra o País, contra o territorio, contra o Ulla, a Ulloa e a ría de Arousa pola enorme impacto que vai ter a captación e, sobre todo, o vertido de augas contaminantes no río Ulla, que ten diversas zonas xa protexidas e un estado de afectación ambiental moi importante, sobre todo no encoro de Portodemouros, onde está o punto de captación”, afonda.
O deputado nacionalista advirte que tamén se verán afectadas tanto as necesidades de abastecemento de augas dos concellos, como as actividades económicas de toda a contorna e, por suposto, a ría de Arousa. “Pode ser un golpe de gracia para unha ría que xa sofre un proceso continuado de degradación e que pode afectar a máis de 4.000 familias que viven actualmente da pesca artesanal, do marisqueo e tamén do cultivo do mexillón”, alerta.
Bará subliña que a autorización de Augas de Galiza choca coa actuación de “non autorización” por parte do goberno de Noruega dunha celulosa polo incumprimento da Directiva Marco da Auga e tamén polos vertidos contaminantes a zonas protexidas dos fiordos da zona de Oslo. “Unha celulosa que ten moitas similitudes con esta planta e con este proxecto de Altri, pero, como vemos, con resultados, contraditorios”, recalca.
“Desde o BNG imos estudar todo o que é o expediente administrativo desta autorización para analizar a partir de aí todas as medidas adoptar no ámbito político e tamén no administrativo para impedir este atentado ambiental, este ataque contra Galiza, esta auténtica cacicada que pretende perpetrar a Xunta do Partido Popular”, avanza.
Por último, o portavoz parlamentario de Medio Ambiente critica que o informe de Augas de Galiza se dea a coñecer xusto o día anterior á celebración, mañá 2 de febreiro, do Día Internacional dos Humidais, “o que demostra claramente o trato que lle dá o Partido Popular a estes importantes espazos ambientais”, conclúe.