Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo volve exixirlle ao goberno local que arranxe a luz das pistas multideporte e realice un mantemento continuo das mesmas

Ribadeo, 8 de febreiro, 2025. O grupo municipal do BNG de Ribadeo volve exixirlle ao goberno municipal que actúe sobre os problemas da pista multideporte de Ribadeo. Despois de case un ano e medio desde que estes problemas comezaron, o goberno municipal móstrase incapaz de darlle unha solución as averías do alumeado, ao mantemento das redes ou a volver a colocar a canastra que se atopa tirada nun almacén municipal. A veciñanza demanda solucións ao ser unhas instalacións moi utilizadas pola picaraxada.

O concelleiro Martín Graña declarou: “Desde o BNG de Ribadeo volvemos esixirlle ao goberno municipal que arranxe uns problemas que levan sen solución demasiados meses. Parecen incapaces de afrontar os problemas do dia a día. Hai unha inexistencia de mantemento xeral no que ten que ver coas redes das porterías e dos fondos tirados; un abandono das canastras, tiradas nos almacéns municipais, e a picaraxada que non pode facer un uso correcto das pistas pola falta de luz. Gobernar é algo máis que facer entrevistas e posar para as fotos, gobernar é solucionar o importante e os problemas que van xurdindo no día a día. E visto o visto, facémonos varias preguntas: Así fomentan desde o goberno os hábitos saudables? Impídelles o sectarismo ter en bo estado unha obra que levou a cabo o anterior goberno?”.

Para rematar, Graña engadiu: “Por todo isto, volvemos reclamar unha vez máis, e xa van demasiadas, que o goberno municipal actúe e sexa capaz de arranxar todos este problemas. É o mínimo que merece a veciñanza de Ribadeo”.

Exit mobile version