Ribadeo, 11 de febreiros, 2025. O BNG de Ribadeo transmite as condolencias á familia de Xose Vizoso e manifesta o seu recoñecemento ao labor artístico desenvolvido por este insigne mariñán. “Despois de podermos coñecer un pouco máis a obra do artista mindoniense, tras a homenaxe que se lle rendeu con motivo do Día da Ilustración, temos que volver a falar do noso veciño da comarca mariñá por mor do seu pasamento. Xosé Vizoso foi un artista prolífico que desenvolveu a súa obra no mundo do deseño gráfico da ilustración, a escultura, a escenografía teatral, o cartelismo, a ilustración de libros, os murais ou as caricaturas. De todos é ben coñecido o seu estilo. Ten dado vida a un feixe inmenso de carteis que anunciaban celebracións ben arraigadas na nosa comarca e no conxunto de Galiza”.
“O poderío visual do deseño de Vizoso deixará e nós unha pegada indelébel que endexamais esqueceremos. Unido a moitas das nosas celebracións máis tradicionais, unido ao deseño da cerámica de Sargadelos, á súa aposta clara e nidia pola defensa dos nosos sinais de identidade, o estilo de Xosé Vizoso será por sempre faro aceso da nosa cultura e brillará con especial intensidade na comarca mariñá. Desde o BNG de Ribadeo sumámonos ás condolencias que transmitimos desde aquí á súa familia e ao mundo das artes gráficas”.