Pero, a día de hoxe, a situación non é mellor nocentro de saúde. A consulta de pediatría segue desatendida máis da metade do tempo, deixando a máis de 900 nenas e nenos sen a asistencia sanitaria especializada que merecen e á que teñen dereito. “Pouco lle importa ao goberno da Xunta que un dereito fundamental, como é do da saúde, non sexa garantido”.
“O mesmo ocorre coa consulta da matrona, ausente por incapacidade temporal, e en servizo só un día á semana. A saúde maternoinfantil, sexual e reprodutiva da muller en atención primaria, ou dos programas de preparación prenatal e preparación completa ao parto, tamén quedan ao pairo no centro de saúde de Ribadeo. Ningunha das mulleres embarazadas en Ribadeo no último semestre do ano 2024 e no que vai de 2025 tivo acceso a clases de preparación ó parto e preparación prenatal debido a esta carencia. Outro tanto podemos dicir sobre a situación dos cupos de medicina de familia, evidencia do abandono sistemático ao que está sometida a Atención Primaria do noso pobo”.
A praza dunha médica leva sen cubrirse dende decembro de 2023, cando se xubilou a anterior profesional. Sábeno ben os seus pacientes, obrigados a andar de profesional en profesional cada vez que necesitan atención, e privados do seguimento e control que é a base da medicina de familia. A maior abondamento, proximamente dúas profesionais máis procederán a xubilarse ademais das que se atopan en prórroga voluntaria por riba xa da idade de xubilación. “Que conten o conto que queiran desde a Consellaría: a xente xubilase. Andar a voltas dicindo que oficialmente non lles consta nada é vergoñento e mesquiño: é querer enganarnos”.
“Con estes antecedentes, o panorama é desolador. Cando se producen ausencias das profesionais por permisos de distinto tipo, resulta que non son cubertas. As pobres solucións pasan por prolongar a xornada do resto de profesionais para atender aos pacientes das súas compañeiras ou ser repartidos entre as demais médicas saturando as xa de por si apretadas axendas (e se non hai pediatra os/as nenos/as tamén pasan a ser atendidos pola medicina de familia)”.
“Cando demandamos máis profesionais a resposta por parte da Consellaría de Sanidade é sempre a mesma: “non os hai”, “non hai pediatras”, “para Ribadeo non queren vir médicos…”, ou mellor aínda: “se saben vostedes dalgún pediatra, dígannolo que o contratamos”. Pero nós non estamos dispostos a asumir o discurso derrotista do PP. Esta situación é derivada da política de desmantelamento da sanidade pública ben planificada polo PP. Os profesionais vanse porque andan á procura de mellores condicións laborais (ben sexa noutras comunidades, ben sexa no estranxeiro)”.
“O PP sempre aproveitou as crises para acelerar a súa política de deterioro dos servizos públicos en xeral, e especialmente na sanidade pública, reducindo o número de profesionais. Segundo a memoria do 2023 do Defensor do Paciente, a Atención Primaria galega ocupa o vergoñento primeiro posto no ránking de “saturación” no Estado Español. A pesares de que a Atención Primaria resolve entre o 80-90% dos problemas de saúde da poboación o PP tena infradotada, con só un 12% do total do orzamento de sanidade, á cola do estado; tan só Madrid está por detrás. E xa sabemos o concepto que a presidenta madrileña ten da sanidade pública. Semella que o PP de Galicia quere imitala. Xente do PP ribadense aplaudía a rabiar ante Isabel Díaz Ayuso cando esta defendía recentemente en Ribadeo a súa actuación durante a COVID nas residencias de maiores. Pero de defender a veciñanza e esixir con contundencia que se repoñan esas prazas, non sabemos nada. Todo é servilismo”.