Ribadeo, 5 de febreiro, 2025. Sobre o pleno extraordinario, o BNG afirma que: “Para evitar recoñecer o enorme erro cometido coa corta indiscriminada de árbores por parte do goberno municipal, Daniel Vega volveu botar man da manipulación e da terxiversación, cando non da mentira directa”.
“Como fío argumental empregou a constante apelación ao anterior goberno acusándoo de deixar Ribadeo sen árbores. Tras un relatorio infindo, cheo de esaxeracións, para cansar o público asistente, pouco menos que quedaba a impresión de que o alcalde de Ribadeo, ao chegar ao goberno, atopou un concello sen árbores”.
“Tamén se dedicou a poñer por diante a terceiras persoas afirmando, por exemplo, que a directora do Gregorio Sanz foi quen demandou a poda e corta. Así consta por escrito, dicía o alcalde. Ben o desmentiu o centro en comunicación directa remitida ás nais e pais. Cheo de contradicións, Daniel Vega aclarou que no escrito inicial constaban as palabras “poda” e “corta”, pero que fora un erro usar a palabra “corta”. E dicimos nós, se non se debía cortar, se inicialmente estaba previsto que só había que podar, que non era intención do concello cortar, por que se cortou? É máis: se só había que podar, por que a día de hoxe aínda non remataron os traballos de poda no Gregorio Sanz?”.
“Así mesmo, apelou á seguridade da picaraxada, pero esquecendo que os traballos de corta e poda tamén foron feitos en horario escolar estando as máquinas (motoserras, brosas, etc.) no patio, sen perimetrar a zona de traballo. Sabe inspección educativa que se levaron a cabo estes traballos no interior do recinto escolar e sen que houbese un plan de seguridade?”.
“E a outra preocupación fundamental, en torno ao parque de San Francisco, foi abordada por Daniel Vega coa mesma actitude. Volveu marear o peixe falando dun feixe de detalles do seu mantemento e ignorou o fundamental: hai un plan preparado xa no que se vaia abordar unha reforma integral que implique a corta de árbores, mesmo centenarias? No pleno puidemos escoitar a voz de Daniel Vega, unha gravación dun programa de radio, destacando que quería unha reforma integral do parque para poder ver a casa do concello desde a mesmísima rúa de San Francisco”.
“Sen maior miramento, o alcalde desmentiuse a si mesmo e comentou que iso non era certo, que eran manipulacións do BNG. Pero a xente ben o escoitou na radio e leuno na prensa. Daniel Vega é presa das súas propias mentiras. Escoitámos a súa voz, reproducida da radio, laiándose de que os camións dunha coñecida orquestra non ían poder entrar no Cantón. E tamén reprochaba que nos negásemos a admitir as bondades (con corta incluída) da reforma da praza de Pancho Maseda. Outro tema que haberá que abordar máis adiante”.