Rodil acusa o Goberno de Rueda de “botar a man ao pescozo dos concellos para afogalos máis” con sancións por un servizo que é da súa competencia
Santiago de Compostela, 6 de febreiro, 2025. A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, advertiu este xoves da “situación insostible” dende o punto de vista económico, pero tamén no que ten que ver coa xestión e a garantía dos dereitos das persoas traballadoras e usuarias, do Servizo de Axuda no Fogar. “A situación do SAF é de colapso e de quebra”, asegurou Rodil, que instou á Xunta do PP a tomar medidas de forma inmediata porque, se non, o problema do SAF, que xa atende en Galiza a máis de 25.000 persoas, “vainos rebentar a todos nos fuciños”.
Olallla Rodil defendeu en comisión parlamentaria a proposta do BNG para incrementar a 20 euros a hora, e de maneira urxente, o financiamento que reciben os concellos da Xunta pola prestación dun servizo que, lembrou, forma parte da carteira da dependencia. Malia que nos últimos quince anos se multiplicou o número de usuarios e usuarias e se triplicou o custe que supón a prestación —que en boa parte sufragan os concellos—, a aportación da Xunta estivo conxelada durante máis dunha década e hoxe non pasa dos doce euros, afondou.
A deputada nacionalista emprazou ademais os responsables da Xunta a reunirse de maneira inmediata coa Fegamp para abordar a necesaria reforma do SAF, adaptándoo “á realidade actual, ás necesidades presentes e ás necesidades futuras da sociedade galega”. “Se todos os grupos políticos coincidimos en que o SAF é unha peza chave no modelo de coidados que debe existir en Galiza, hai que abordar a reforma, porque non podemos manter practicamente en condicións idénticas ás de hai quince anos”, apuntou.
Ao longo da súa intervención, Rodil incidiu na carga económica que están soportando os concellos para soster o SAF, pese a que só á xestión é competencia municipal. Segundo un estudo da Fegamp, o prezo do servizo oscila na actualidade entre os 19 e os 25 euros a hora e os concellos están a sostelo con 200 millóns de euros, fronte aos 112 que achega a administración galega (incluídas as aportacións do Estado vía transferencia).
“Todos os concellos de todas as cores políticas coinciden en que o SAF está a punto de estouparnos a todos nos fuciños”, salientou a portavoz do BNG en Política Social, insistindo en que a Axuda no Fogar “forma parte do catálogo de servizos da dependencia e, polo tanto que ser financiado de acordo co que di a lei desde hai 18 anos: 50 % Estado, 50 % Xunta”.
Criticou, neste punto, que a Xunta, “lonxe de axudar os concellos” a sufragar o servizo o pasado ano sancionou a nove deles por incumprimentos na prestación do mesmo. “Agora entramos nun capítulo novo, porque a Xunta do PP, en vez de axudar, bota a man ao pescozo dos concellos para afogalos aínda máis”, censurou a deputada, que na defensa da súa iniciativa aludiu ás queixas, entre outras, da alcaldesa de Folgoso do Caurel, “destacada militante do PP” que criticou as sancións por inxustas e advertiu da gravidade do problema. Este concello de menos de mil habitantes achegou, segundo datos aportados pola súa alcaldesa, 100.000 euros para o SAF.
Malia asfixia económica que está a supoñer este servizo aos concellos, o PP votou en contra da iniciativa do BNG.