Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa o PP de ‘externalizar’ os informes do estudo de impacto ambiental de Altri porque na Xunta “non ten quen asine”

Bará denuncia máis “irregularidades” na tramitación de Altri, con cambios lexislativos “a medida” e nomeamentos de persoas de confianza na Xunta

Santiago de Compostela, 19 de febreiro, 2025. O viceportavoz parlamentario do BNG Luís Bará acusou este mércores o Goberno do PP de externalizar os informes do estudo de impacto ambiental de Altri “a unha empresa como Tragsa” porque, asegurou, “non teñen (na Xunta) que llos asine”. “Isto é moi grave”, considerou, advertindo de que esta é unha “irregularidade” máis das cometidas, “bordeando a prevaricación ambiental”, na tramitación do proxecto para instalar a macrocelulosa en Palas de Rei.

O portavoz de Medio Ambiente do BNG denunciou unha vez máis o “cúmulo de irregularidades” na tramitación da planta, así como as presións a técnicos da Xunta “que están sufrindo situacións de estrés” por esta cuestión. Ademais de promover, e aprobar, cambios lexislativos feitos “a medida” para favorecer os intereses da pasteira lusa, o Executivo de Rueda nomeou a persoas “de plena confianza” do PP para ocupar cargos na Xunta que teñen unha participación clave na tramitación desta “auténtica bomba ambiental” no corazón de Galiza, denunciou.

“Vostedes puxeron en Augas de Galiza nada menos que ao señor Agustín Hernández e ao señor Ignacio Maestro, dous comisarios políticos do PP, como subdirectores para que tramiten os informes que lle conveñan a Altri”, sostivo. Respecto dos cambios lexislativos, aludiu ao que obrigará a indemnizar a Altri “polos moitos millóns que leva investidos se finalmente o proxecto non sae adiante”.

Luís Bará fixo estas consideracións durante a defensa dunha iniciativa para reclamar, máis unha vez, toda a documentación que o Goberno de Rueda está a ocultar sobre a tramitación pola sociedade Impulsa Galicia do proxecto tractor de Xestión Sostible dos Bosques Galegos —o que acabou sendo unha macrocelulosa— entre 2020 e 2022.

Malia que o BNG xa ten recorrido ao artigo 9 do Regulamento, o PP votou en contra e segue a ocultar a información requirida, como os estudos económicos e de viabilidade, estudos de mercado, proxectos e anteproxectos, as propostas presentadas por empresas ou consultoras para o desenvolvemento dun proxecto industrial de produción de fibras téxtiles ou o memorando de entendemento asinado coa empresa Altri.

“Queremos saber por que se acabou escollendo a Altri, porque o BNG ten información de que había outros concursantes que tiñan máis madurez tecnolóxica e máis coñecemento do mercado, incluso que algunha empresa galega estaba interesada noutra opción”, asegurou o deputado nacionalista, que volveu preguntar o PP que é o que o que ten que ocultar para manter en secreto a documentación sobre o concurso internacional do que se fala no memorando de entendemento e sobre a alianza que se anticipa nese mesmo documento entre a Sociedade Impulsa -controlada pola Xunta- e a pasteira portuguesa.

O dobre papel de Lorenzana

O deputado nacionalista negou, como sostén o Goberno do PP, que a Sociedade Impulsa sexa independente da Xunta, pois ten o 40 % do seu capital, Sogama, o 10 %, e Reganosa o 12 %, tendo tamén a Administración galega unha participación importante nestas dúas últimas. “Maioría clarísima e control total da Xunta”, precisou, para subliñar que, ademais, María Jesús Lorenzana é a un tempo conselleira de Industria e presidenta de Impulsa.

“Isto que é? Información privilexiada, tráfico de influencias e conflito de intereses”, proseguiu Bará, quen subliñou que a conselleira xa dixo en marzo que o proxecto de Altri é “redondo” dende o punto de vista medioambiental e da sustentabilidade. Todo un exemplo de “imparcialidade absoluta”, ironizou.

Exit mobile version