Daniel Castro salientou que esta senda é “fundamental” para mellorar a mobilidade, fomentar a actividade física e garantir a seguridade das persoas que transitan entre Vilaúde e O Reirado
Na pasada década, iniciouse a construción desta infraestrutura, “unha medida acertada” apuntou Castro que salientou a súa contribución a mellorar a comunicación entre ambos os municipios, cuxa poboación mantén fortes vínculos sociais, laborais e económicos. Porén, a obra quedou incompleta, deixando un tramo final de aproximadamente 600 metros sen executar. “Esta carencia obriga aos veciños e veciñas a desviarse por estradas secundarias, poñendo en risco a súa seguridade” advertiu.
En febreiro de 2020, o Concello de Alfoz trasladou á Xunta unha proposta formal para rematar o proxecto, mais tal e como trasladou o deputado nacionalista “ata o de agora, o goberno municipal non obtivo resposta” por parte do goberno do PP.
Daniel Castro considerou que a conclusión desta senda é “fundamental” para mellorar a mobilidade, fomentar a actividade física e garantir a seguridade das persoas que transitan entre Vilaúde e O Reirado. Así, a formación nacionalista insta á Xunta a atender as demandas dos concellos e completar, “dunha vez por todas”, esta infraestrutura.
Dende o BNG reiteran o seu compromiso co desenvolvemento das infraestruturas locais e a seguridade viaria, e seguirán traballando para que esta demanda lexítima da veciñanza sexa atendida con urxencia.