María José Gómez puxo en valor a contribución desta empresa ao sector lácteo galego, xa que a principal materia prima que empregan é o leite de vaca recollido na nosa comunidade
Neste sentido, María José Gómez puxo en valor a contribución desta empresa ao sector lácteo galego, xa que a principal materia prima que empregan é o leite de vaca recollido na comunidade, transformándoo na nosa terra. Asemade, desde a Consellería do Medio Rural recoñeceuse a importancia de que Queserías Entrepinares decidira apostar por Galicia para instalar un dos seus múltiples centros de produción. Ademais, cómpre salientar o compromiso desta industria cos gandeiros galegos para que perciban un prezo axeitado polo leite que producen en consonancia cos do resto do país.
Durante o seu percorrido pola planta, a conselleira puido coñecer o sistema de funcionamento desta empresa e visitar as últimas melloras implementadas nas súas instalacións, ademais de comprobar cales son as liñas de acción de cara o futuro.
A conselleira do Medio Rural tamén salientou a importancia do sector lácteo da nosa comunidade, xa que Galicia produce o 42% do leite de España e atópase entre as primeiras rexións europeas produtoras. En relación coa aposta do Goberno autonómico, cabe sinalar a Estratexia de dinamización do sector lácteo, deseñada de xeito específico para este eido.
Esta planificación establece diferentes obxectivos estratéxicos, entre eles o de aumentar a industrialización en Galicia do leite que se produce na nosa comunidade. Actualmente estase a avanzar no obxectivo do 75% do leite transformado no horizonte de 2025. Cómpre salientar que esta empresa transforma máis do 7% do leite que se produce en Galicia, polo que xera valor engadido na nosa comunidade e sitúa estes produtos lácteos en todo o mercado nacional.
Neste sentido, Queserías Entrepinares contou en varias ocasións co respaldo do Goberno autonómico, contribuíndo a favorecer o seu papel como empresa de referencia no ámbito nacional e apoiando a transformación do leite en Galicia.