Ribadeo, 22 de febreiro, 2025. A pesar do mal tempo na mañá deste sábado, en torno a medio milleiro de persoas acudiron á convocatoria do Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo para reclamar todos os servizos cos que o Centro de Saúde non conta.
Nesta concentración o BNG quixo facerse eco do deterioro da atención primaria que os e as ribadenses levan moitos meses padecendo. “Preocupa especialmente a ausencia prolongada do pediatra no noso Centro de Saúde, ao igual que a falta de matrona e as múltiples vacantes de medicina de familia que van producirse e que xa se están a padecer”.
Desde o BNG “temos claro que a situación actual da nosa sanidade débese a máis de 15 anos de recortes e deterioro por parte dos gobernos do Partido Popular”. Así o fixo saber o voceiro municipal Pablo Vizoso: “Temos un goberno do PP máis preocupado en criticar ao BNG por defender os dereitos dos e das ribadenses ca en garantir unha Atención Primaria digna. Un goberno do PP que ten a sanidade pública abandonada, cuns orzamentos ridículos para a Atención Primaria e co obxectivo claro de deteriorar os servizos públicos en beneficio da sanidade privada. De pouco serve levantar ladrillos novos, se non temos médicos e profesionais que nos atendan”.
Tras esta concentración cun grande éxito a concelleira Raquel Ferreira quixo agradecer a todos e todas as persoas asistentes que se concentraron nunha mañá chuviosa para defender os dereitos de todos e todas.