Site icon Crónica3.com A Mariña

Marc Campàs chega ao Burela FS para aportar solucións en ataque

O á destro catalán, de 24 anos, exercitouse onte por primeira vez cos seus novos compañeiros e xa poderá ser aliñado este venres en Pamplona por David Rial

Burela, 4 de febreiro, 2025. O á barcelonés Marc Campàs foi presentado na tarde deste martes como novo xogador do Burela FS. No acto, celebrado no pavillón de Vista Alegre, estivo acompañado polo secretario do club, José Ángel Dovale, quen lle deu a benvida ao futbolista destro de 24 anos que chega procedente do ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra. Firma ata final de tempada e xa estará dispoñible para debutar, se así o considera necesario David Rial, este próximo venres no duelo que disputarán os burelistas en Pamplona diante do Osasuna Magna Xota (Anaitasuna, 19:30 horas).

Criado na canteira do Futsal Mataró, Marc Campàs chegou á estrutura do FC Barcelona con 18 anos, no verán de 2019, para enrolarse no filial barcelonista. Nos seus catro anos no segundo equipo do Barça anotou 49 goles en 85 partidos en 2ª División, destacando nas dúas últimas campañas, onde marcou 20 e 18 goles, respectivamente. Posteriormente fichou polo RSC Anderlecht belga, club co que o pasado curso asinou 15 goles e participou na Rolda Elite da UEFA Futsal Champions League, de onde saltou este pasado verán ao ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra, conxunto co que debutou na Primeira División española anotando un gol nos 13 encontros nos que participou como xogador ribero.

Marc Campàs exercitouse onte por primeira vez cos seus compañeiros e chega ao Burela FS coa intención de reivindicarse, demostrar a súa valía e axudar a lograr a permanencia na máxima categoría. O á catalán aceptou a oferta do conxunto laranxa “porque quero ter a oportunidade de ter máis rodaxe en pista e poder demostrar o meu talento en Primeira División”, sinala. Ademais, considera que en Burela pode atopar o contexto idóneo para asentarse na categoría. “Creo que é un moi bo sitio tanto polo corpo técnico como polo equipo que hai, xa que están todos moi unidos e teñen as ideas moi claras”, expón.

O novo futbolista laranxa espera achegar tanto no plano individual como no colectivo. “A nivel individual quero achegar un xogo máis ofensivo e tentar marcar o maior número de goles posibles para axudar a sacar os tres puntos en cada partido, ademais de crecer como xogador para poder destacar o máximo posible. E colectivamente veño axudar no máximo posible para que o equipo cumpra co seu obxectivo de acadar a permanencia”, afirma. O habilidoso á catalán defínese como un “futbolista moi ofensivo ao que lle gusta encarar, xerar espazos para o ataque e darlle mobilidade ao xogo”, comenta.

Finalmente, Marc Campàs dirixiuse á Familia Laranxa para lanzar unha mensaxe de optimismo. “Que estean tranquilos porque me atopei cun grupo moi unido e imos seguir sacándolles moitos sorrisos en Vista Alegre”, conclúe.

Exit mobile version