Lourenzá, 14 de febreiro de 2025. Lourenzá celebrará o seu desfile de Entroido o Domingo de Piñata, día 9 de marzo, con máis de 5.000 euros en premios. Estará amenizado coa música do dúo Epo-K.
O desfile empezará ás 16:30 horas e haberá premios para as categorías infantil e adulta individual, parellas, grupos, carrozas, charangas, comparsas e premio especial ao máis chistoso. As inscricións para participar poden facerse na Biblioteca Municipal de 17:00 a 20:00 horas de luns a venres, por teléfono no 982.12.10.06 ou por WhatsApp no 637.05.51.63. E tamén o propio domingo 9 de marzo no recinto feiral de 12:00 a 15:00 horas.
Está organizado polo Concello de Lourenzá, coa colaboración da asociación de comerciantes, industriais e autónomos ACIAL.
O primeiro tenente de alcalde, Javier Huertas, destaca que “ao ser o 9 de marzo día de feira haberá servizo de pulpo e churrasco nas naves do recinto feiral” e anuncia que “a organización decidiu que o desfile vaise celebrar excepto que haxa alerta de temporal; aínda que chova non se aprazará, a diferenza do que se fixo en anos anteriores. Sairemos si ou si”.