Viveiro, 11 de febreiro, 2025. A Xunta de Confrarías anunciou ao Pregoeiro da Semana Santa de Viveiro en 2025, que será o Rvdo. D. Juan Manuel Basoa Rodríguez, moi vinculado a Viveiro onde deixou un gran ronsel do seu bo facer.
A súa elección foi unánime polos membros da directiva, tanto polo bo legado deixado na cidade como polos seus destacados dotes como orador, chegando fondo aos sentimentos da audiencia a través da palabra.
A Xunta de Confrarías mostra a súa enorme satisfacción por poder contar co Rvdo. D. Juan Basoa pois encaixa á perfección co enfoque buscado de proximidade coa identidade Cristiá.
Juan Manuel Basoa Rodríguez naceu o 20 de xaneiro de 1966 en Madrid, sendo o quinto de sete irmáns nunha familia humilde. Aos 5 anos, trasladouse coa súa familia a San Julián de Narón, onde realizou os seus estudos de EGB no Feal. Aos 15 anos, ingresou no Seminario Menor de Mondoñedo para estudar o BUP. Continuou a súa formación no Seminario de Moncada, na Arquidiocese de Valencia, onde cursou COU e o primeiro ano de Estudos Eclesiásticos. Posteriormente, trasladouse ao Teologado de San Rosendo en Santiago de Compostela, onde obtivo o Bacharelato en Teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelán, adscrito á Universidade Pontificia de Salamanca.
Foi ordenado sacerdote o 5 de abril de 1992 na Concatedral de San Julián de Ferrol. A súa actividade pastoral comezou na Unidade Pastoral das Pontes (1991-93), onde tamén foi profesor de Relixión. Entre 1993 e 1995, traballou no Seminario de Mondoñedo como Formador e Director Espiritual, ademais de ser profesor e Moderador da Unidade Pastoral de Abadín e Delegado diocesano de Vocacións.
De 1995 a 1999, regresou á Unidade Pastoral das Pontes, onde continuou como profesor de Relixión e da Escola diocesana de Teoloxía, e converteuse en membro do Consello Presbiteral. Anos despois, foi enviado a Valencia a ampliar estudos e alí obtivo a Licenciatura en Teoloxía do Matrimonio e a Familia no Pontificio Instituto Xoán Paulo II para estudos do Matrimonio e a Familia.
En 2001, foi nomeado membro do Equipo sacerdotal de Vilalba e o seu UPA, ademais de ser Director Espiritual do Seminario Menor de Mondoñedo e do Teologado San Rosendo en Santiago. Ese mesmo ano, foi nomeado Delegado diocesano de Pastoral Familiar, cargo que ocupou ata 2018.
En 2004, foi nomeado Párroco de San Pedro Apóstolo de Ferrol e en 2009 encargóuselle formar a UPA do Ensanche, que agrupaba as parroquias de San Pedro Apóstolo, Ntro. Sra. do Rosario e Santo Domingo. Alternou este encargo co de Delegado diocesano de Cáritas.
Enfoque en Viveiro:
En setembro de 2014, Juan foi enviado a Viveiro para consolidar a Unidade Pastoral de Viveiro xunto a Xosé Román Escourido. Juan desempeñou o seu labor en Viveiro ata setembro de 2022, momento no que foi nomeado Moderador da UPA de Vilalba e Reitor do Seminario de Mondoñedo, encargado dos seminaristas que a diocese ten no Seminario de Santiago.
En setembro de 2024, foi nomeado formador do Seminario Interdiocesano “Apostol Santiago”, onde están os seminaristas da súa diocese, xunto cos de Santiago de Compostela e Tui-Vigo.