Site icon Crónica3.com A Mariña

“Hai esperanza para a trata de persoas”, mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo da Xornada Mundial de Oración e Reflexión contra a Trata de Persoas 2025

Cada 8 de febreiro celébrase a Xornada Mundial de Oración e Reflexión contra Trata de Persoas. É a memoria de santa Josefina Bahkita, unha santa sudanesa que, na súa infancia, foi vendida como escrava e foi vítima de trata. O seu proceso de sufrimento e de liberación preséntase como luz de esperanza para tantas persoas que hoxe seguen sufrindo procesos de trata, a nova escravitude do século XXI. Esta realidade, en palabras do papa Francisco, convértese nunha “chaga no corpo da humanidade contemporánea, unha ferida na carne de Cristo”. Sen dúbida, unha ferida terrible, dramática, que é preciso sandar e ante a que non podemos pasar de longo.

Estamos nun ano xubilar. Abriámolo solemnemente hai pouco máis dun mes. O ano xubilar continúa a tradición aberta polo propio Cristo que, na sinagoga da súa cidade de Nazaret, identificou a súa misión como un “ano de graza” para dar a liberdade aos cativos, dar a vista aos cegos, poñer en liberdade aos oprimidos… Este proceso de liberación e de esperanza, que continúa ao longo dos séculos, é o que está presente durante este ano xubilar como graza persoal e social.

Precisamente na vontade de xerar estes signos de esperanza no medio do noso mundo, a nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol elixiu, en unión con todas as Igrexas de España, a realidade de trata de persoas como signo xubilar. Preténdese que durante o ano xubilar coñezamos, acompañemos e apoiemos o proxecto que as Oblatas teñen na cidade de Ferrol con persoas que están en situación de trata. Ao longo destes meses realizaremos algunhas colectas de apoio, pero tamén coñeceremos mellor o proxecto que esta congregación ten preto de nós para xerar unha nova cultura que nos faga combater a trata de persoas e erradicar as causas que a producen.

Habemos de recoñecer que nos enfrontamos a unha realidade escondida na nosa sociedade pero, tristemente, moi presente. A explotación de persoas que son utilizadas principalmente con fins sexuais é un enorme drama. Aproveitan a súa vulnerabilidade e a súa dependencia, principalmente económica, para utilizalas ou controlar a súa vontade. Trátase, sen dúbida, dun atentado á dignidade infinita que toda persoa posúe. Por iso, visibilizar ás persoas que sofren trata e os seus procesos de instrumentalización é xa un camiño para erradicar o problema.

Afortunadamente hoxe existen moitas realidades, principalmente eclesiais, que acollen, escoitan e acompañan integralmente a estas persoas nos seus procesos de curación e recuperación. Convértense así en lugares e signos de esperanza para estas persoas que tanto o necesitan. Son
espazos capaces de procrear nova vida, atreveríame a cualificar de resurrección, e convértense así en prolongación da presenza do Resucitado entre nós.

Ademais, estes proxectos, como o que temos na nosa diocese, están chamados a sensibilizarnos sobre dinámicas e propostas legais e culturais que transformen esta cultura pansexualizada, na que a pornografía deformou substancialmente as relacións persoais. Trátase, en definitiva, de traballar pola dignidade de todas e cada unha das persoas, por poñer a súa dignidade no centro das nosas relacións para que nunca sexan utilizadas nin cousificadas. Oxalá que o noso apoio a estas iniciativas durante o ano xubilar sexa unha pequena luz que nos axude a levar esperanza a este mal que ten rostros concretos.

O teu irmán e amigo,
Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Exit mobile version