Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia solicita á Secretaría Xeral de Pesca o mantemento dos criterios de reparto das cotas de bocarte recollidos na resolución do 2024

A Xunta avoga pola continuidade dos topes máximos de capturas e desembarques entre marzo e xuño por buque e día diferenciados entre os maiores de 120 GT ou de menos pero que conten con 12 ou máis tripulantes enrolados e o resto da frota

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2025. A Consellería do Mar trasladou á Secretaría Xeral de Pesca, dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a proposta de que se manteñan os criterios de reparto das cotas de bocarte establecidos na resolución de marzo do 2024 para o establecemento de medidas de ordenación da pesqueira desta especie. Nesta liña avógase pola asignación de quilogramos por buque e día diferenciando as embarcacións de máis de 120 GT ou de menos pero que conten con 12 ou máis tripulantes enrolados así como dados de alta na Seguridade Social do resto da frota.

Así o fixeron remitindo unha nova carta -xa que o pasado 13 de febreiro foi remitida outra sobre o mesmo asunto sen recibir resposta algunha- ao organismo estatal que ten previsto publicar proximamente unha nova Resolución, na que tamén solicita que a frota do cerco poida consumir o 80% da cota dispoñible de bocarte da zona 8 del CIEM (ANE/08) no primeiro semestre deste ano. Deste xeito, o 20% restante sería utilizado ao longo do segundo semestre do 2025.

O Goberno galego realiza estas propostas recollendo ás demandas do propio sector, co cal mantén un diálogo fluído a través das súas entidades representativas, na que tamén se pide que se manteñan os criterios de topes máximos de capturas e desembarques para os buques de cerco do Cantábrico e Noroeste entre os meses de marzo e xuño que houbo no 2024.

A Xunta critica que nesta ocasión a frota galega non tivo oportunidade de participar e aportar propostas ao non ser consultada de cara a próxima publicación das medidas de ordenación desta pesqueira de gran importancia para a pesca galega. Ademais, a Consellería do Mar destaca que nos últimos días se está falando dun cambio no modelo de xestión en base a unha información que a Administración autonómica descoñece completamente.

Nesta liña, o departamento que dirixe Alfonso Villares, cuestiona a falta de transparencia coa que o Ministerio está a actuar adoptando medidas que alteran significativamente a proposta que formulara fai uns días á propia Consellería, e que, logo de requerir á Secretaría Xeral de Pesca información oficial de calquera cambio, continúan sen recibir a información necesaria para poder trasladala ao sector afectado. Desde o Goberno galego subliñan que o obxectivo non é outro que manter a debida coordinación co sector así como uns criterios de xestión que sexan compatibles co normal funcionamento deste segmento da frota.

TAC 2025

Segundo o establecido no Regulamento (UE) 2025/02 do Consello do 30 de xaneiro de 2025, polo que se fixan as posibilidades de pesca para determinadas poboacións de peixe en augas da Unión Europea e para buques comunitarios en certas augas extracomunitarias, o TAC analítico de bocarte ascende a 30.663 toneladas das cales corresponden a España 27.597 toneladas. A Xunta recorda que se ben o reparto inicial, segundo a estabilidade relativa entre España e Francia de 90% e 10% respectivamente, desde fai anos se veñen celebrando acordos entre os sectores pesqueiros de ambos países que posteriormente son referendados polos respectivos gobernos nacionais.

Exit mobile version