Site icon Crónica3.com A Mariña

Este sábado, 1 de marzo, arranca a campaña de visitas á Cova do Rei Cintolo

A tempada, que chegará a mediados de decembro, ofrece dous tipos de visitas: Galería Central e Baixada ao Río

Mondoñedo, 25 de febreiro, 2025. O Concello de Mondoñedo, coa colaboración da Federación Galega de Espeleoloxía, da o pistoletazo de saída á campaña de visitas guiadas á cova do Rei Cintolo do presenta ano que arrancarán o vindeiro día 1 de marzo.

A campaña do ano 2025 presenta dúas variedades de visita: Galería Central, por unha banda, e Baixada ao Río, por outra.

No que refira ás visitas á Galería Central, as visitas comezarán sendo en fins de semana: venres, sábados e domingos, ofrecendo un grupo pola mañá (11h) e outro pola tarde (16h). Estes grupos, dende o 4 de abril, serán reforzados con outro máis ás 18:30h e a oferta en Semana Santa cubrirá todos os días da mesma, dende o 11 ao 20, con tres grupos so día.

A seguinte ampliación será nos meses de verán, nos que se ofrecerán visitas todos os días..

En canto á visita en si mesma, na Galería Central faise un percorrido de 300m que supón unha visita dentro da cavidade de 1h e 15minutos aproximadamente.

Pídese, para poder facer a visita, unha forma física normal, isto é, non ter problemas de mobilidade, lesións ou problemas cardiorespiratorios. Tamén é preciso facer reserva previa na Oficina de Turismo de Mondoñedo, a través do número 982 50 71 77, ou a través do seu e-mail turismo@concellomondonedo.es

É obrigado traer calzado cerrado con fondo de goma que evite esvaróns e recoméndase traer roupa que non importe manchar así como unha muda para despois da visita.

Dende o Concello proporcionarase casco con iluminación, luvas de protección e un traxe desbotable para sobrepoñer á roupa, así como os complementos de hixiene axeitados para cada un destes elementos.

A idade mínima para entrar na cavidade é a partir dos 11 anos e o prezo da visita é de 20€/persoa.

Para o que son as visitas da Baixada ao Río, ofrécese un percorrido máis longo e complexo destinado a persoas cun nivel físico superior. Neste caso as visitas poderanse facer baixo demanda, calquera día da semana, durante toda a campaña, previa reserva coa Oficina de turismo, a través do número 982 50 71 77, ou a través do seu e-mail turismo@concellomondonedo.es

A idade mínima para poder facer esta visita, de maior dificultade, é de 18 anos e o custo, para este percorrido espeleolóxico de maior duración e dificultade, é de 40€/persoa.

Exit mobile version