Site icon Crónica3.com A Mariña

Encontro de neofalantes este domingo na Finca Galea

Alfoz, 27 de febreiro, 2025. Carlos é de Madrid e agora retornou á fonte das súas raíces en Lourenzá. En Madrid tamén naceron José Manuel, que vive en Riotorto, e Fátima, que se asentou na Pontenova, da mesma maneira que o fixeron noutras localidades da Mariña a brasileira Cláudia ou a romanesa Mirela ou o arxentino Juan Carlos.

Como medida de cohesión social, todas estas persoas tomaron a iniciativa de facer inmersión na cultura galega. Para iso reúnense cada sábado ás cinco da tarde na escola do lugar de Arroxo, entre Lourenzá e Mondoñedo e todos os mércores ás 10 da noite virtualmente a través de teléfonos e ordenadores, baixo a dirección e tutela de Bernardo Penabade. Como complemento, apóianse diaria e mutuamente a través dun grupo de whatsapp e acuden á axuda do profesor na casa: a famosa páxina www.ogalego.eu, de Anxo González e Vitoria Ogando.

Agora deciden promover un encontro de neofalantes aberto a todas as persoas interesadas no diálogo entre culturas. Celébrarase na Finca Galea ás 4:30 da tarde do próximo domingo, día 2 de marzo. O programa é moi simple: primeiro o saúdo e a conversa; despois unha visita guiada.

Exit mobile version