O conxunto burelista regresou á senda da vitoria nun partido que tiveron que madurar as discípulas de Julio Delgado
Burela, 15 de febreiro, 2025. O equipo feminino do Burela FS regresou á senda das vitorias derrotando ao Ourense Ontime (2-0) nun partido no que as discípulas de Julio Delgado estiveron espesas, pero acabaron resolvendo cun tanto en cada período. No primeiro era Dinha a que anotaba un golazo por toda a escuadra e a sentenza chegaba no tramo final da segunda entrega por mediación de Emilly.
O encontro comezou con susto para as locais, que vían aos 20 segundos como Marta Figueiredo superaba cun cabezazo a Ana Eliza tras un envío en longo de Ana Rivera e o balón pegaba no traveseiro. Despois tentaríao a exburelista Rafinha, pero o seu disparo era repelido por Ana Eliza coas mans. A primeira ocasión para as locais chegou nos pés de Emilly, que remataba ao pau da portería ourensá un saque de banda executado por Antía Pérez.
No minuto 8 non perdoaría Dinha, recentemente entrada en pista por primeira vez, cun disparo desde unha posición escorada que se coaba por toda a escuadra esquerda da portería defendida por Sara Soares. Na seguinte acción estivo a piques de chegar o segundo nun tiro desde o seu propio campo de Noelia Montoro aproveitando que a portería visitante estaba desguarnecida. Con todo, a porteira brasileira chegaba por moi pouco e desviaba o xusto o remate da muleña.
No minuto 11 tiveron tres ocasións para o empate as visitantes. Primeiro nos pés de Rafinha e logo nos de Ana Rivera, pero en ambas ocasións interviña Ana Eliza. A cancerbeira brasileira metía un pé na terceira oportunidade, o coiro envenenábase e finalmente sacábao baixo paus Patricia cando as de Carlos Navarro xa cantaban gol.
O caudal ofensivo de ambos equipos descendeu nos últimos minutos do primeiro período. Antía Pérez buscou fortuna no minuto 15 cun canonazo desde uns 11 metros, pero atopouse co corpo de Sara Soares e de novo esta interviña dous minutos máis tarde para resolver un man a man ante Dinha. Patricia probaríao máis tarde cunha picadiña sobre a saída da gardamallas ourensá, pero o seu disparo íase por moi pouco por encima do traveseiro da portería visitante, no que era a última ocasión da primeira entrega.
O segundo tempo tivo menos ocasións para ambas escuadras e no inicio coquetearon co empate as visitantes con disparos de Rafinha, nunha falta directa, e de Alice. Na primeira ocasión voaba Ana Eliza para despexar o envío e na segunda sacaba un bo pé. Respondía Emilly no minuto 28 cun disparo cruzado que se ía por moi pouco e despois era Sara Soares a que repelía un tiro de Dany. Posteriormente volvían tentalo as visitantes por mediación de Raquelilla, pero chegaba Ana Eliza ao segundo pau para evitar o empate. Á gardameta brasileira acumulábaselle o traballo e xusto superado o ecuador da segunda parte liquidaba un rápido contragolpe que finalizaba Alice.
Antes do segundo das mariñás dispuxo de dúas boas ocasións Patricia, pero primeira remataba desviado e despois era Sara Soares a que despexaba o intento da de Yecla. Posteriormente era Ana Eliza a que repelía con moitos apuros un disparo de Judith que se envelenara tras tocar en Emilly e acto seguido chegaba o segundo nunha acción de estratexia no minuto 36. Sacaba de banda Antía Pérez, recibía Patricia e cedía para que a mellor futbolista do mundo fusilase o marco de Sara Soares cun disparo colocado ao poste dereito.
Ficha Técnica Burela FS 2-0 Ourense Ontime
Burela FS (2): Ana Eliza; Cami, Cilene, Débora, Patricia -quinteto inicial-, Emilly, Antía Pérez, Cris Lourés, Dany, Dinha e Noelia Montoro.
Ourense Ontime (0): Sara Soares; Rafinha, Marta Figueiredo, Ana Rivera, Alice -quinteto inicial-, Chiky, Judith, Vero e Raquelilla.
Goles: 1-0, min. 8: Dinha. 2-0, min. 36: Emilly.
Árbitros: Castro Fernández e Noya Pardo (Galicia). Amoestaron á local Antía Pérez.
Incidencias: Encontro da vixésima xornada da Primeira Iberdrola femenina disputado no pavillón de Vista Alegre de Burela diante duns 650 espectadores. Nos prolegómenos do partido conmemorouse o Día Mundial contra el Cáncer e as futbolistas do Burela FS luciron os ‘Brazaletes da Esperanza’ da Asociación Española contra o Cancro. O choque foi presidido por Pablo Prieto Perille, novo presidente da Real Federación Galega de Fútbol.