Ribadeo, 18 de febreiro de 2025. Todo está listo para a celebración das xornadas gastronómicas do Antroido de Ribadeo, que terán lugar do 22 de febreiro o 9 de marzo.
Están organizadas pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (ACISA) e contan coa participación de 17 establecementos hostaleiros.
A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado, sinalou que “desde Acisa decidimos apostar, como unha das novidades deste ano, polas xornadas gastronómicas do Antroido de Ribadeo, que se van celebrar do 22 de febreiro ao 9 de marzo, como actividade dinamizadora da nosa hostalería. Con esta iniciativa queremos render homenaxe á gastronomía típica destas datas, que en Ribadeo é tradición celebrar con ceas ou xantares de grupos de amigos e de familias saboreando un bo cocido”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “nesta ocasión son 17 os locais participantes, que ofrecerán tapas, racións e menús con preparacións típicas da gastronomía do Antroido. As diferentes propostas gastronómicas poderán atoparse nos seguintes establecementos hostaleiros: O Indiano, Cayo Coco, A Bugalla, La Solana, O Lar de Manolo, Costa Verde, Mareta, San Miguel, El Rincón del Gordo, Barallocas, O Lar de Carmiña, Ribanzo, Ramonita, Aware Cakes, O Furancho no Camiño, O Cabazo e Marinero”.
Pérez Prada explicou que “todas as elaboracións poderán consultarse nas redes sociais de Acisa. As propostas van dende cocidos completos, tapas ou racións de orella ou de lacón ata doces como filloas, orellas ou rosquiñas”.
Cruzado Iglesias subliñou que “estas xornadas xorden para completar a programación do Antroido ribadense, dar unha oferta mais á nosa veciñanza e aos visitantes para que así gocen nestas datas de todas as propostas salgadas e doces que atoparán na hostalería local”.
Na presentación das xornadas gastronómicas do Entroido participaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, a presidenta da comisión do Entroido, Mª José Arca, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez.