Ribadeo, 19 de febreiro de 2025. A Deputación de Lugo insiste en sancionar a Ribadeo. O Concello presentará alegacións por terceira vez a esa resolución. O alcalde, Dani Vega, acusa a PSOE e BNG de actuar con sectarismo.
O rexedor cualificou de “lamentable a actitude dos dous partidos que gobernan a Deputación, do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego. Insisten en multar aos veciños de Ribadeo. Sorpréndenos este ataque directo, sorprende aos técnicos municipais, así o están a trasladar, nunca viron tanto sectarismo político”.
Vega declarou: “dígoo, con total tranquilidade, pero enfadado e decepcionado. A política non é isto. A política non consiste en atacar ao rival político. A política é colaborar. Por iso faltan ao decoro institucional, aos principios constitucionais de colaboración entre administracións. A resolución é nula. Non teñen en conta as alegacións do Concello. Fáltanlle directamente ao respecto a todos os técnicos. Insúltanos á cara dicíndolles que todo o traballo que se fixo para eles non conta, porque trasládannos unha resolución onde nos din literalmente que o Concello non fixo alegacións. E o Concello ata en dúas ocasións fixo alegacións. Isto é unha falta de respecto ás institucións. Isto non se pode consentir. Isto é sectarismo tanto do PSOE, lamentando a súa actitude, como do BNG. É máis grave no caso do BNG porque aquí en Ribadeo alégranse desta sanción e así o repiten en todos os plenos que temos neste Concello, anunciando, por activa e por pasiva, que se ía sancionar ao Concello de Ribadeo”.
O alcalde ribadense dixo: “nosoutros lamentamos esta actitude. Nosoutros fixemos o que tiñamos que facer, baixo o cumprimento das nosas obrigas. Nosoutros escoitamos as demandas dos veciños, que nos trasladaban que todo estaba sen desbrozar e que había accidentes. No entorno da praia das Catedrais houbo varios accidentes. Cal é a resposta da Deputación? Ningunha. Nosoutros dixémoslle e preguntámoslle por unha planificación de limpeza e nunca se nos contestou. Volvémoslle a preguntar este ano e a día de hoxe non se contestou. Non hai ningunha programación na limpeza, na conservación das estradas da Deputación. E agora intentan sancionar ao Concello”.
Dani Vega subliñou: “nos xa anunciamos que volveremos presentar por terceira vez alegacións. E os técnicos municipais volven realizar os informes que naquel momento fixeron, tanto os técnicos de medio rural como os técnicos de infraestruturas e tamén informe da Policía Local. Polo tanto, non se pode permitir, non se pode consentir que se estea insultando a unha institución. Nosoutros vamos facer o noso traballo. E mais, estamos temendo que non se faga ningunha limpeza nesta primavera e neste verán por parte da Deputación, que volva acontecer que veñan limpar no mes de setembro. E iso non o vamos a consentir”.
O rexedor faise varias preguntas: “qué vai afacer a Deputación? Volvernos a sancionar? Por qué se sanciona ao Concello de Ribadeo e a Concellos da mesma cor política que limparon, que desbrozaron as pistas non os sancionaron? Falamos de Concellos da Mariña e da provincia. Por qué hai esa dobre vara de medir e ese ataque directo a Ribadeo? Desde o Concello non vamos permitir ningún ataque. Desde o Concello non vamos seguir unha estratexia lamentable do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego. Para Ribadeo cero e para os partidos onde estean gobernando tanto o PSOE coma o BNG si van axudar”.
Vega insistiu: “sempre o dixen e volverei a repetilo, as institucións, tanto a Deputación como as outras administracións, deben investir nos concellos, non poden escoller os concellos, non poden escoller onde se inviste. Iso é unha falta de decoro institucional, faltan a un principio constitucional e goberna o sectarismo”.
E pídelle á Deputación Provincial de Lugo que reflexione e mude de actitude: “pídolle á Deputación que reflexione, que non actúe con sectarismo e xa lle anuncio que o Concello vai realizar todas as alegacións, repito, por terceira vez, e se sigue neste camiño actuará sempre dende a legalidade”.