Site icon Crónica3.com A Mariña

Continúa o Ciclo sobre a Memoria Histórica do Foro Social da Mariña

A Mariña, 11 de febreiro, 2025. O ciclo continúa este vindeiro venres, 14 de febreiro, cunha conferencia – coloquio no Auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao ás 19:30 horas, co título de “Tecedoras de memoria” ( Desenterrando historias nas fosas franquistas de Galicia), na que falarán as doutoras en Historia Uxía Otero González e Conchi López Sánchez.

No marco do Plan de Memoria Democrática (2021-2024), un equipo transdisciplinar da Universidade de Santiago de Compostela traballa na recuperación das vítimas do franquismo en Galicia. Desde a Historia, a Arqueoloxía, a Antropoloxía Forense e a Xenética, escavamos fosas, identificamos restos, tecemos historias de vida e sinalamos lugares de memoria. Como historiadoras do grupo de investigación HISTAGRA, queremos compartir o noso método científico e as fontes das que bebemos, facendo fincapé na transcendencia das testemuñas orais e poñendo o foco nas pegadas sartoriais, é dicir, restos materiais vencellados á vestimenta.

Que nos contan as solas de zapatos, as fibelas ou os botóns? Como nos axudan a comprender o impacto da violencia, as diferenzas de xénero, as distincións de clase ou a relixiosidade?.

Nesta palestra tirarase do fío das «memorias sartoriais» para achegarnos, de maneira próxima e corpórea, a un pasado incómodo, doloroso e sanguento, do que inda queda moito por investigar e divulgar”.

Exit mobile version