A Xunta de Goberno vén de aprobar a listaxe cos 132 colectivos que participarán este ano no programa de viaxes gratuítas que impulsa a institución provincial para incentivar o turismo de proximidade e apoiar aos sectores hostaleiro, turístico e comercial
Lugo, 14 de febreiro de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a listaxe de entidades admitidas na quinta edición do programa Coñece a túa provincia. Así o informou a Voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, que sinalou que este programa de viaxes gratuítas destinado a entidades sen ánimo de lucro que teñen a súa sede nalgún dos 67 concellos da nosa provincia “está a ser un éxito rotundo”.
“Desde que arrancou a iniciativa, no 2021, xa viaxaron pola provincia preto de 10.000 persoas, de 438 colectivos, e ten xerado un retorno económico de máis de 600.000€”, destacou García Porto. Subliñou que por quinto ano consecutivo quedan completas as prazas dispoñibles e hai listaxe de agarda, de feito, precisou, “as prazas esgotáronse en só 14 minutos”. A quinta convocatoria do programa Coñece a túa provincia ofrece un total de 3.036 prazas.
Aceptáronse 201 entidades que entran na listaxe de agarda e 37 solicitudes foron excluídas por non cumprir con algúns dos apartados da convocatoria. Ademais avanzou a Deputada que a relación de todas as solicitudes –admitidas, en agarda e non admitidas- publicaranse no Boletín Oficial da Provincia nos próximos días. A Deputada de Turismo valorou que “este é un programa que, como sabedes, puxemos en marcha dende a Deputación de Lugo para fomentar o coñecemento da nosa riqueza patrimonial entre os propios veciños e veciñas da provincia e, ao mesmo tempo, para incentivar o turismo de proximidade e apoiar ós sectores hostaleiro, turístico e comercial”.
Aplicación para a xestión tributaria e servizo de prevención
A Xunta de Goberno tamén adxudicou dous contratos, por unha parte o do mantemento da aplicación informática para a Xestión Tributaria, Recadación e Contabilidade á empresa Aytos Soluciones Informáticas SL, por un prezo de 76.422,95€ e unha duración dun ano. Tamén deu luz verde ao contrato do servizo de prevención alleo para as especialidades de seguridade no traballo e vixilancia na saúde e o apoio ao servizo de prevención propio da Deputación. A empresa adxudicataria é Vitaly Health Services SLU, por un prezo de 207.757,54€ e unha duración de dous anos sen posibilidade de prórroga.