A alcaldesa convocou a unha xuntanza ao empresariado do polígono para analizar o proxecto e poñer en común necesidades
Barreiros, 19 de febreiro de 2025. A alcaldesa de Barreiros convocou na noite do pasado luns unha xuntanza co sector empresarial do polígono barreirense para analizar diversas cuestións de interese xeral para o tecido empresarial e para o Concello.
Nesa xuntanza, á que asistiu a totalidade do goberno municipal, analizouse o novo trazado proposto para a A74 e acordouse a presentación de alegacións, tanto polo Concello como polo propio empresariado, solicitando que se contemple un acceso directo ao parque empresarial.
Ana Ermida lembrou que “é unha cuestión de imperiosa necesidade e de sentido común para darlle ao polígono de Barreiros os accesos que merece; por iso levamos desde o ano 2019, mesmo antes de estar no goberno, facendo a mesma demanda.”
Na xuntanza ratificouse a consideración do polígono de Barreiros coma un dos máis puxantes da comarca e insistiuse na necesidade de demandar uns accesos que garantan a competitividade das empresas que hai actualmente no mesmo e tamén das que poidan asentarse nunha futura ampliación.
Melloras en alumeado, sinalización e seguridade
Durante a reunión a alcaldesa tamén anunciou que se está a traballar nun proxecto de mellora para o parque empresarial que inclúe a mellora do alumeado, da sinalización viaria tanto horizontal coma vertical e pequenas obras de adecentamento en beirarrúas e espazos comúns.
Estas necesidades, tamén trasladadas polo empresariado, tratarán de atenderse concorrendo a distintas liñas de axuda nas que poidan encaixar.
O empresariado valorou moi positivamente a planificación e atendemento destas cuestións que eran reiteradas desde hai moitos anos.
A necesidade dunha nova depuradora
O propio empresariado preocupouse pola situación da actual depuradora, construída pola Xunta e recibida polo Concello naquel momento “para poñer a andar o polígono unha vez que se paralizou a depuradora planeada inicialmente que daría cabida á capacidade do polígono e sobre a que non volveu traballarse para contar cunha solución axeitada”, explicou Ana Ermida.
Concello e empresariado coinciden en demandar da Xunta como administración promotora do parque empresarial e titular das parcelas a implicación necesaria para dotar ao polígono dunha depuradora en condicións que atenda as necesidades actuais e futuras e evite problemas ao Concello.”
Satisfacción polos trámites para o cumprimento da lei contra incendios
As persoas que asistiron á reunión valoraron moi positivamente o proceso de notificación ás persoas propietarias de plantacións forestais que incumpren a lei de incendios, xa que amosaron a súa preocupación pola proximidade de plantacións que poden supoñer un perigo para naves situadas no polígono de Barreiros.
Desde o Concello lembraron que o cumprimento desta obriga debe estar realizado antes do 31 de maio.