Site icon Crónica3.com A Mariña

“Compartir é a nosa maior riqueza”, Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo da Campaña contra a Fame 2025 de Manos Unidas

Confeso que o lema que Manos Unidas nos propón para este ano fíxome pensar. Rompe os nosos esquemas economicistas e acumulativos. Sácanos dun modelo económico que busca sempre o crecemento como paradigma incuestionable. É contrario ao noso vórtice de ter sempre máis, pensando que así somos máis. Porque, en xeral, entendemos que a riqueza sempre é maior cantos máis bens se posúen.

“Compartir é nosa maior riqueza” fálanos doutra filosofía e outra forma de vivir. Preséntanos, en primeiro lugar, o drama da desigualdade crecente do noso mundo. As dinámicas económicas, lonxe de repartir a riqueza, acumúlana en poucas mans. As cifras seguen sendo indignantes: existen hoxe no mundo 1200 millóns de persoas con pobreza multidimensional e 733 millóns de irmáns nosos que padecen fame no noso mundo. Urxe cambiar esta economía que mata e divide os pobos e as persoas.

Fronte a iso, preséntanos outra forma de vida na que non sempre máis é mellor. Ao contrario, menos é máis. Vivimos tempos nos que se nos fixo pensar que a prosperidade e a riqueza son meramente económicas e, por tanto, só cuantificables contablemente. A nosa sociedade identificou un mundo rico con aquel que ten moito; igualou desenvolvemento con progreso económico. Esquece así un concepto máis humano do desenvolvemento que sempre ha de ser integral e solidario, como nos lembra a doutrina social da Igrexa. Desde este punto de vista, unha sociedade rica é, sobre todo, aquela na que todos viven dignamente, onde son integradas todas as persoas, especialmente os máis pobres, onde camiñamos todos xuntos e ninguén queda descolgado. Porque a riqueza non é un concepto que mide unicamente os bens materiais, senón que ha de englobar os valores e ideais que configuran ás persoas e ás sociedades. Sería triste que se puidese dicir de nós aquilo que denuncia o dito popular: “Era tan pobre que só tiña diñeiro”.

Ademais, o lema é profundamente profético e evanxelizador. As primeiras comunidades cristiás presentáronse no medio do Imperio romano como comunidades que compartían os seus bens para que todos tivesen o necesario para vivir. Foi ese estilo de vida, inspirado no espírito de Xesús, o que removeu as conciencias e atraeu a moitas persoas inquietas e buscadoras. A iso animaba san Paulo aos Corintios cando lles dicía: “Non se trata de aliviar a outros pasando vós necesidade, trátase de igualar”. Pois ben, hoxe séguense necesitando xestos concretos que, renunciando ao propio, enchan de esperanza o noso mundo necesitado de testemuñas.

Porque “compartir” é un verbo precioso que está cheo de riqueza. Detrás do mesmo búscase partir o que se posúe para “estar con”. Non se trata, pois, meramente de dar, de entregar sen tocar e sen afectarnos polo outro: trátase de sentirnos partícipes e corresponsables da vida dos outros. O outro, aínda que sexa afastado, impórtanos. Cando compartimos damos do noso para crecer en fraternidade, para estreitar as diferenzas, para unirnos máis e sentir co outro. Porque compartir non é meramente dar o noso diñeiro, é tamén dar do noso tempo, da nosa sabedoría, da nosa vida, da nosa fe. Compartir é un pouco crebar un para que o outro sexa máis.

De compartir saben moito os voluntarios de Manos Unidas e ensínannos e provocan nestes días desde a súa sabedoría. Podémolo facer co noso donativo ou cota permanente que sempre chega e se multiplica nos proxectos de desenvolvemento. Pero podémolo facer tamén co noso voluntariado que nos transforma e constrúe un mundo novo. Que compartamos para que o noso mundo sexa moito máis rico.

O teu irmán e amigo,
Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Exit mobile version