Haberá tamén showcooking a partir das 12.00 horas na carpa da Praza dos Campos con degustación de ourizo cocido na carpa da man da asociación Mistura
Cervo, 25 de febreiro do 2025. A XXXII edición da Festa do Ourizo terá lugar o sábado 15 de marzo, en San Cibrao. Para ese día están programadas diferentes actividades que terán ao equinodermo como protagonista como tributo á nosa cultura gastronómica e ao mar que nos rodea.
A cita foi presentada pola tenente alcaldesa Mali Méndez, o concelleiro Alfredo Fernández, e por representantes da hostalería local e da asociación Mistura, que participan neste evento declarado de Interese Turístico Galego.
O programa arrincará ás doce do mediodía cun Showcooking que poderá ser seguido en directo polo público asistente que a continuación poderá degustar as tapas elaboradas polos chefs participantes.
Ademais a asociación Mistura tamén ofrecerá desde o mediodía unha degustación de ourizo cocido na mesma carpa instalada na Praza dos Campos.
O día da festa os locais participantes –O Noso Lar, As Titas, Bodega de Ana, O Faro, A Penúltima, Maruxaina e Bar Habana- ofrecerán diferentes variedades aos visitantes durante toda a xornada.
A xornada estará amenizada por diferentes agrupacións musicais, e xa pola tarde haberá pasarrúas da man das Charangas Europa e Santa Compaña.
Xa pola noite, desde as 23:00 horas a amenizará a velada a orquestra Cordosom na Praza dos Campos.
En palabras da alcaldesa, esta festa é moito máis que un evento gastronómico; é unha celebración que nos permite compartir con veciños e visitantes “a esencia do noso territorio nunha xornada para desfrutar e saborear este manxar do noso mar”.
A rexedora tamén quixo poñer en valor o traballo dos hostaleiros, “que coa súa creatividade e dedicación transforman ano tras ano o ourizo do mar en auténticas obras de arte culinario con receitas que non só respectan a tradición senón que tamén logran innovar e sorprender os nosos padais”.
Desde o Concello de Cervo convidan a veciños e visitantes a participar nas diferentes actividades programadas con motivo desta festa para desfrutar dun dos produtos máis emblemáticos do noso litoral, declarada de Interese Turístico Galego desde o 2008.